Obradoiro para nen@s. Arquitecturas de cartón

 Non é ningunha sorpresa que os nen@s fagan cabanas nas árbores, o que tal vez sí, é que os mesmos materias que poderían usar os nen@s, poidan ser obxecto da investigación arquitectónica real. Shigeru Ban é un arquitecto xaponés que investiga sobre a capacidade estructural e arquitectónica do cartón, crea habitáculos para emerxencias de diferentes tipos que poderían ser construidos por nen@s sen deixar de seres unha aportación á arquitectura…

O pasado mércores día 17 de xullo os nen@s adicaron a mañá a traballar có material preferido deste arquitecto, acompañados pola arquitecta e profesora de aula d Iria Sobrino.

Obradoiro para nen@s. Aves colgantes

 

O luns 15 de xullo paxaros imaxinarios de todas as formas e cores entraron voando acompañados pola deseñadora Susana Román ao través das fiestras de aula d para pousarse nas mentes dos máis cativos. Aguias reais, gaivotas prateadas, coloridos tucanos e algúns espécimes aínda por descubrir que cobraron a forma que lles deu o cartón pendurado por fíos, algún contrapeso de chumbo e moitas cores. Ao remate do obradoiro as aves colgantes migraron aos teitos  dos cuartos destes nen@s.

Obradoiro para nen@s instrumentos/carrizo e asubío

Nesta clase do día 18 seguimos a facer con Manuel Barreiro Chao profesor de Aula d aparellos para estrebillar e facer música, desta volta fixemos un asubío, instrumento de vento, cunha bugalla ou carrabouxo ao que houbo que facerlle primeiro un burato, despois baleiralo, e para rematar pintámolo de cor. De seguido fixemos un  instrumento de percusión, o  carrizo, para o que empregamos un tubo de cana cortado á metade e fío ao que suxeitamos unha petela feita tamén da mesma cana que ao bater coa anterior fai un son como un estalo, arremedando ao paxaro chamado carrizo.

Obradoiro para nen@s- instrumentos/albuche

Nesta clase do día 12 fíxose, co profesor de Aula D Manuel Barreiro Chao, un Albuche, instrumento de percusión construído con tubos de cana de diferente e crecente lonxitude, unidos por un cordel que se pasa polos buratos feitos nos seus extremos e deixando unha separación entre eles, para seres refregados cun pao arriba e abaixo. O instrumento pendúrase do pescozo polo mesmo cordel que xungue as canas manténdose en tensión ao esterricalo coa man – a que non sostén o pao de refregar- polo lado oposto ao que se colga do pescozo.

Obradoiro para nen@s. Escenografía

O mércores 10 de xullo falamos de escenografía da man de Xerardo Pérez Medrano. Para empezar, un breve percorrido histórico polo teatro e as manifestacións teatrais, dende Grecia ata a actualidade. Logo analizamos exemplos de escenografías realistas e abstractas.

Para finalizar deseñamos e realizamos a escenografía para un teatro de títeres cuxo guión e personaxes xa estableceramos en obradoiros anteriores.

 

Obradoiro para nen@s-instrumentos/mirlitón

Para seguires coa realización de instrumentos na clase do día 09  fíxose un Mirlitón con Manuel Barreiro Chao, profesor de Aula d, , instrumento membranófono feito cun tubo de cana aberto polos cabos e que leva nun deles unha membrá de pel decebola, papel ou plástico finiño que se ata ao tubo cun fío, ao tempo faiselle un burato a poucos centímetros da mebrá por onde imos soprar como cantado. O son que sae resulta da vibración da membrá.

Obradoiro para nen@s. Caras pintadas

 

¡O luns 8 de xullo acudiron ao obradoiro de ne@s, da man de Susana Román Estrada, gatos, paxaros e ata unha vampiresa!.

 Como son as orellas dun gato, o nariz e o rabo? , de que cor pode ser un paxaro, laranxa, azul, vermello…? Como son de longos os cabeiros dunha vampiresa, de que cor e a súa capa…? Os nosos nen@s agora sábeno moi ben tras seres caracterizados polos seus compañeir@s e fotografad@s no set onde posamos saltando, miañando, piando, voando e ata ensinando os perigosos dentes.

Obradoiro para nen@s. Títeres

 

Cantas clavículas temos? Se fose unha e non dúas, poderíamos subir un ombreiro sen baixar o outro? Cantos ósos teñen os brazos e as pernas? analicemos como se moven.

Tras darlles un repaso ás nosas articulacións xa podemos deseñar e construir as  marionetas  de fios, que en definitiva son esqueletes que logo poderemos vestir de seres o caso.

Este obradoiro dirixido polo profesor de aula d Pedro Román compleméntase cos de Experimentación Teatral e Escenografía para levar a cabo un espectáculo de títeres pensado polos nen@s.

 

Navegación de entradas

1 2 3 4 5 6 7 8 9
Volver arriba