O alumnado de Gráfica Publicitaria asistiu onte á exposición A Arte no Cómic, aberta ata o 30 de xuño na Sede de Afundación, en Vigo, na que da man do seu comisario, o historiador Asier Mensuro, puidemos participar dun percorrido polas claves que vinculan estas dúas disciplinas, Arte e Banda Deseñada.
Cun total de 73 debuxantes e artistas a exposición mostra, entre outras, obras do Museo Louvre; do Museo Nacional del Prado, ou do Museo Thyssen-Bornemisza, con pezas inéditas que se poden ver por primeira vez neste proxecto e organizadas en tres bloques. No primeiro trátase a relación entre os grandes centros artísticos e o cómic; o segundo está adicado ós creadores galegos, como Miguelanxo Prado ou Jacobo Fernández Serrano, entre outros; e o terceiro e último centrado na inclusión dentro da viñeta das grandes obras da pintura universal.
Queremos dar as grazas á organización pola súa invitación, ó comisario Asier Mensuro pola súa implicación co grupo, e a asistente de sala (e querida exalumna) Claudia Silva por recibirnos tan amablemente.