La nueva niña é outro dos proxectos realizados no primeiro ano do Ciclo Formativo de Grao Superior de Proxectos e Dirección de Obra de Decoración que se imparte en Aula D. Trátase dun posto na feira de exposicións «Navalia 2012» para unha pequena empresa galega chamada La nueva niña que se dedica á realización e restauración de pequenas embarcacións tradicionais galegas como dornas e gamelas. A continuación, exponse a memoria xustificativa deste así como as imaxes da maqueta realizada por Yaiza Cruces Carballido, Lorena Méndez Pousa e Beatriz Macías Rodríguez.
Trátase de deseñar un posto para unha pequena empresa galega chamada «LA NUEVA NIÑA» que se dedica á realización e restauración de pequenas embarcacións tradicionais galegas como dornas e gamelas.
Teremos en conta que para o noso cliente as embarcacións que realiza son como pequenas obras de artesanía ao igual que para os clientes interesados nelas; danlles un valor especial.Co posto queremos transmitir ese valor a través das diferentes sensacións que produce navegar a bordo deste tipo de embarcacións, cando o mariñeiro chega ao peirao.
Tomamos como referencia a cita «Quen mira fixamente ao mar, xa está a navegar».O espazo no que se vai intervir formula un espazo aberto e fresco, é de forma rectangular en planta cunha superficie de 24 m² e con tres vías de circulación.Crease un espazo colector de sensacións oceánicas cunha base conceptual de reinterpretación das sensacións que produce a arte da navegación, con carácter dinámico, funcional e poderoso en contidos visuais e auditivos. Estes factores conceptuais reflíctense na estrutura formal do espazo.
Trasladamos a sensación dun paseo en alta mar, onde os sistemas de comunicación visual e auditiva preséntamnos o produto nunha atmosfera natural e tranquila.Facendo referencia á madeira, principal material utilizado polo noso cliente, o chan a xeito de peirao e un fondo que cun xogo de luces representa o mar forman a arquitectura loxística do espazo, á vez que imprimen carácter e imaxe ao espazo comercial.Esta intervención toma como referencia fundamental o carácter efémero do evento, por iso utilizamos elementos económicos, funcionais e de doado transporte para cubrir todas as necesidades requiridas polo noso cliente.
Situaremos a parede longa contra os dous postos que temos detrás, de xeito que as tres circulacións das que dispoñemos quedan total ou parcialmente abertas para maior contacto co posible cliente.O posto non é autómata, xa que o noso cliente está interesado en atender persoalmente aos seus clientes.Asimesmo cumpre todas as necesidades do cliente, tanto as debidas ao seu carácter efémero como de comodidade e funcionalidade con zona de reunión e exposición do produto para o que deseñamos un expositor de dimensións, ( 1,70 de altura e 50 cm de ancho) para a colocación dos folletos, (que son dobres por motivos de mercadotecnia); tamén dispón dunha mesa con función de almacenaxe.


Fermoso proxecto. E unha magoa que non se fixera cando estaba eu.. sorte!