Os vindeiros días 10 e 11 de marzo terá lugar na Estación Marítima de Vigo a 2ª Feira das Ensinanzas Artísticas e Profesionais, na que Aula D participará por segundo ano consecutivo co obxectivo de asesorar a aqueles visitantes que estean interesados polos estudos en deseño así como de informar aos orientadores doutros centros educativos.
A feira estará aberta en horario de 09:30 a 14:00h polas mañás e de 16:30 a 18:00 polas tardes.
O xoves 18 de febreiro o alumnado de 2º de Deseño de Interiores realizou o tradicional percorrido que a Escola ven facendo cada ano ao Barrio Histórico da cidade. Esta vez o percorrido tivo lugar fundamentalmente polos barrios de extramuros, baixando dende o Castelo de San Sebastián ao Paseo de Alfonso para descubrir o Casco Vello e a panorámica da cidade dende a terraza do Asefal. Logo visitamos os Barrios do Cura e Santa Marta, para baixar dende a Igrexa de San Francisco ata a Ribeira. Xa de volta polas rúas San Francisco, a Barroca e Poboadores para adentrármonos nas prazas do Peñasco e Pescadores e decatármonos da súa inmediata relación coa Ribera. Finalmente descubrimos algunhas trazas de continuidade do quefoi o barrio antes de abrirse á rúa Elduayen e dividilo en barrio Alto e barrio Baixo.
Mañá martes día 19 de xaneiro comeza o Seminario de comunicación e imaxe persoal en entrevistas de traballo. Impartido por Laura Martín os días 19 e 26 de xaneiro e 2 e 16 de febreiro en horario de 16:30 a 19:00, analizaranse os principais aspectos relacionados coas dinámicas que se desenvolven habitualmente nas entrevistas de traballo e cuxo coñecemento pode resultar decisivo á hora de optar a un emprego.
A este seminario, orientado inicialmente ao alumnado de proxecto final do Ciclo Superior de Gráfica Publicitaria, están invitados tamén todolos exalumnos/as que teñan rematado os seus estudos na escola; para participar só será necesario notificalo no enderezo de correo electrónico da escola info@aulad.com
Convocado o xurado do concurso da III Bolsa de Estudos en Deseño, este decidiu outorgar un único primeiro premio a María Teresa Fernández Vázquez polo seu traballo Deseño Nutritivo, así como dous accésit a Ana Valcarcel Portela e María Raquel Vilas Alonso polas súas respectivas propostas.
Parabéns ás premiadas e a tódolos/as participantes!
Buscamos alumnos e alumnas para os que a creatividade sexa algo estimulante, refrescante, e por iso queremos que nos sorprendas, que nos amoses a túa capacidade de ver o mundo cunha perspectiva diferente.
Só hai duas normas: deberás utilizar un folio de papel e a cor laranxa como elementos relevantes na túa proposta. As posibilidades son infinitas: tomar unha fotografía, construir un obxecto, un espazo, facer unha ilustración, unha instalación, gravar un vídeo… ti decides. O importante é que a túa idea sexa orixinal, fuxindo dos tópicos e aportando algo novo, ben polo concepto, pola formalización ou por ámbalas dúas cousas.
A luz, os materiais, a cor, o volume, os usos, as persoas, os lugares, o significado… pensa nestas e outras cousas para cambialas, darlles a volta, ou traballar con elas. Tes liberdade para utilizar calquera técnica, material ou elemento, que pola súa forma, concepto ou contexto, aporte significado á túa idea.
Aula D convoca a 3ª edición da Bolsa de Estudos en Deseño.
A través dun concurso de creatividade, aberto a persoas maiores de 17 anos, concederanse dúas bolsas de estudos coas que os gañadores/as poderán cursar sen custo o primeiro ano un dos Ciclos Formativos de Grao Superior impartidos na escola (Gráfica Publicitaria ou Deseño de Interiores).
Este venres 13 e o sábado 14 Aula D participará na 1º Feira de Ensinanzas Profesionais e Artísticas que se levará a cabo na Estación Marítima de Vigo. Será un encontro onde os diferentes centros da cidade poderán darse a coñecer e amosar aos visitantes o labor que desempeñan na formación de profesionais do deseño, da danza, da interpretación ou da música, entre outros.
O horario será continuado, entre as 10:00h e as 20:00h durante o que, por suposto, invitámosvos a todos a visitar o noso stand, compartir conosco as vosas impresións e mesmo pasar un rato agradable nun evento cheo de creatividade.
Durante o pasado mes de decembro levouse a cabo na escola un proxecto colaborativo entre o alumnado da escola e o fotógrafo Miguel Núñez no que seis grupos de traballo, formados por alumnos/as dos ciclos de Gráfica Publicitaria e Deseño de Interiores, reflexionaron sobre os diferentes conceptos implícitos na obra fotográfica de Miguel, Islas, náufragos invisibles, interpretándoa e aportado puntos de vista distintos dende a multidisciplinaridade que permite a integración de medios audiovisuais, gráficos e construtivos nun espazo determinado.
A conferencia impartida en Aula D o pasado venres 16 de xaneiro polo deseñador de interiores Miguel Cerqueiro sobre o seu proxecto teórico e alternativo “ESPAZO LAB” para o Barrio do Cura de Vigo deu apertura á exposición na que se amosan os traballos de fin de estudos das especialidades de Deseño de Interiores e Gráfica Publicitaria dos deseñadores Miguel Cerqueiro, Yaiza Cruces, Mari Martínez Portela e Raúl Marín, todos eles exalumnos desta escola.
Na especialidade de deseño de interiores, e como proxectos de recuperación do Barrio do Cura de Vigo, Miguel Cerqueiro amosa o proxecto “Laboratorio de Ideas” e Yaiza Cruces o de “BDC Hostel”. Dentro da especialidade de gráfica publicitaria Mari Martínez Portela expón o seu proxecto “Lembradeira” e Raúl Marín Pazó o de “Khronos ”.
A exposición pódese visitar ata o 8 de febreiro nas instalacións da escola na rúa Ourense, 4 en Vigo.
Recentemente o Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España tomou a decisión de non convocar os Premios Nacionais de Deseño e Innovación 2014, deixando así fora de todo recoñecemento a un sector clave no desenvolvemento do país. Unha decisión insólita tendo en conta que tódolos indicadores coinciden en que deseño é un dos factores determinantes en todo proceso de recuperación económica, como así recoñece a Unión Europea, e que supón un piar especialmente importante en calquera modelo que aposte pola innovación.
Dende esta escola, e en sintonía coa DAG e as principais asociacións de deseño de España, expresamos o noso profundo malestar ante esta decisión, que supón un claro desagravio a todo un sector que, dende as súas diferentes disciplinas, vai ser claramente determinante no noso crecemento nos vindeiros anos.
Dende o día 7 deste mes e ata o vindeiro 5 de decembro estará aberta ao público a exposición dos traballos premiados no 10º Concurso de Fotografía Xurxo Lobato. Este certame, xa consolidado, abre unha porta aos estudantes galegos para dar mostra das súas capacidades creativas, expresivas e técnicas a través da disciplina fotográfica.
A exposición estará aberta ao público no espazo polivalente de Aula D (Rúa Ourense 4) de luns a venres entre as 09:00 e as 15:00 e de martes a xoves tamén en horario de tarde entre as 16:30 e as 21:00.