Recentemente visitounos Vanesa Álvarez Díaz, antiga e polifacética alumna do centro (Promoción 2001/03) e actual deseñadora gráfica. Impartiu unha charla na que fixo un pequeno repaso de todos os seus traballos ata a data.
Vanesa comezou a traballar como deseñadora gráfica xunto con outra compañeira da escola despois de pasar por empresas como Cadena Ser, ámbalas dúas se asociaron para crear, xa no ano 2004, Estudio Boox: un estudo de deseño gráfico, interior e mobiliario cun pensamento multidisciplinar. Nestes momentos Estudio Boox disolveuse, digamos, parcialmente, xa que Vanesa segue traballando como freelance e, como ela mesma nos comentaba, nas súas tarxetas de visita segue aparecendo o nome desta empresa.
Polo que puidemos comprobar, Vanesa é unha deseñadora con moitas inquedanzas creativas, inquedanzas que van máis alá da mera funcionalidade do deseño, abordando os proxectos de xeito que non consegue tan só xerar pezas enteiramente funcionais senón que, en cada un dos seus traballos, pode chegar a expresar as súas inquedanzas, gustos ou ideas deixando así unha pequena pegada de sí mesma en todos eles.
A pesares de ver, digamos, as dúas vertentes do seu traballo -unha máis formal onde adoita empregar a tipografía como base do deseño e a outra, moito máis creativa e, quizais persoal, empregando estampacións e mesmo ilustracións propias- ten un estilo que, aínda que adaptándose ás necesidades específicas que cada cliente require, é bastante marcado e recoñecible.
Ela mesma cóntanos que para deseñar calquera dos seus traballos é moi importante levar a cabo unha fase previa de investigación onde sempre debemos intentar poñernos na pel do receptor observando os seus gustos e necesidades. Mesmo cita que, e de xeito anecdótico, moitas veces ela mesma se fixa en aspectos máis persoais e que poderían pasar desapercibidos, como por exemplo o tipo de cafetería que frecuenta cada cliente.
Aparte da súa faceta como empresaria (sendo propietaria de La fiesta de los Maniquies (Vigo), e cuxa gráfica -como non podía ser doutro xeito- é obra súa), tamén imparte clases na escola viguesa, Pin Factory, que se adica a formar profesionais no mundo da moda.