«Cociñando ao pé da letra»: entrevistamos a Andrea Costas sobre o seu libro con Yolanda Castaño

Hai uns días asistimos á charla-coloquio onde Andrea Costas, fotógrafa e profesora da escola, falounos da xestación e produción do seu libro «Cociñando ao pé da letra». Xunto a ela estaba Iria Sobrino, tamén profesora de Aula D e arquitecta no estudo noncommon de Vigo, que realizou o deseño e a maquetación do mesmo.

·A idea deste proxecto parte de Yolanda Castaño, poetisa e dinamizadora cultural, que plantexa realizar un libro que promova a literatura en galego mostrando varios escritores/as dende diferentes puntos de vista. Máis, ¿de onde xorde a idea de relacionalo todo co mundo dos fogóns?

A cousa era comparar un ámbito da creación que se supón puramente intelectual e teórico, o literario, cun ámbito creativo máis práctico, manual e, neste caso, íntimo e cotián. Trátase de desmitificar a figura do escritor e da escritora como iluminados polas musas ou xente moi grave que bota discursos dende un atril para velos poñendo a súa destreza ao servizo dunha tarefa máis próxima e familiar para todo o mundo como é a de cociñar na súa propia casa. Neste caso pedímoslles unha receita coa que tiveran algunha conexión especial, fora polo boa que lle queda ou polos recordos que lle trae.

·No libro aparecen 21 escritoras e escritores galegos; ¿como levastes a cabo a selección deses 21 autores?

Pois nos inicios do proxecto pensábamos que poderían ser bastantes máis. Pero a medida que definíamos o traballo e lle íamos dando formato, a extensión do libro pedía que o número de autores estivera ao redor da vintena. Para elixilos Yolanda foi facendo unha investigación sutil nos meses previos ao comezo. Cando cadraba nalgún evento cun autor que lle parecía interesante, aproveitaba para interesarse pola súa relación ca gastronomía, pois era imprescindible que realmente cociñaran habitualmente.

. Yolanda Castaño presenta a cada autor relacionando o seu xeito de escribir cas súas dotes culinarias e, por outra banda, Andrea Costas encárgase de capturar e plasmar esta asociación mediante unha serie de imaxes de todo o proceso de elaboración dos pratos, realizando tamén retratos singulares dos protagonistas. ¿Como nace a idea de conxugar retrato e gastronomía?

Os retratos xurdiron ca intención de aportarlle valor engadido ao proxecto, facendo que cada autor se presente en relación co seu prato, dunha forma divertida e nova para eles. Todos foron moi xenerosos e valentes á hora de colaborar cas miñas ideas, as veces un pouco “tolas”, para relacionar cada prato co seu cociñeiro.

. O tipo de fotografía que nos atopamos, preséntase como unha imaxe amable, íntima, chea de orixinalidade, de cor, de poesía… e mesmo simpática. ¿Como se consegue isto sen ter apenas coñecemento (trato) da persoa a retratar, do escenario, do tipo de luz, etc?

Improvisando e contando ca axuda de Yolanda como mediadora e organizadora. Tamén os propios protagonistas poñían tódalas facilidades polo que sempre se conseguiu un bo material de partida. Dende ahí o proceso de edición tamén fai moito para acadar que o resultado resulte coherente e homoxéneo.

. Polo que teño entendido, Andrea Costas «pensa antes coa cabeza que co ollo»… Neste caso cada vez que realizabas unha sesión ¿tiñas claro o tipo de retrato que querías facer ou isto ía xurdindo a medida que transcorría ésta dunha forma máis improvisada? ¿Crees que unha boa fotografía búscase ou atópase?

Nalgúns casos tiña claro o que me gustaría facer e noutros, a maioría, a idea tiña que xurdir no mesmo día que se facían os pratos. Neses casos había que estar moi atenta a calquera cousa que comentara o autor sobre a súa receita ou a súa maneira de escribir para que se me ocorrera algo. Resultaba estresante pero case sempre aparecía unha idea interesante. Tamén é verdade que nalgunha ocasión a idea viu de Yolanda (muller para todo) ou do propio retratado. Penso que para atopar unha boa fotografía (ou calquera outra cousa) hai que andar a súa procura e estar ben atento cando se presenta a oportunidade.

·Case tódalas imaxes, a pesar de que poidan parecer fotomontaxes, son reais. A día de hoxe aínda existe moita xente que está totalmente en contra dos programas de edición, ¿que opinas sobre este tema? ¿cres que un bo fotógrafo non necesitaría case tratamento dixital nas súas imaxes?

O revelado, a edición e o retoque son procesos inherentes ao propio medio fotográfico dende a súa xénese alá polo século XIX. Un bo fotógrafo será o que sexa capaz de plasmar nunha imaxe aquilo que quere plasmar, valéndose dos medios que necesite. A mirada e a intención parécenme máis importantes ca técnica, pero ésta axuda a “rematar a xogada”.

· Despois de meses de traballo, o cómputo total de imaxes foron ao redor de 8000, das cales se publicaron unhas 180 (algunhas máis na edición que Gadisa regalou nas pasadas Letras Galegas). Á hora de realizar unha publicación deste tipo, ¿cres que o fotógrafo debería cinguirse, na medida do posible, ás esixencias do deseño editorial ou, sendo un libro destas características, sería a editorial/os deseñadores os que intentarían adaptarse ao fotógrafo? Por outra banda, ¿como foi o traballo de realizar esa selección? ¿Quedaches satisfeita ou teríache gustado incluír algunha imaxe a maiores das que non se puideron ver?

Está claro que cando a fotografía é algo máis que un recurso para ilustrar, cando se trata propiamente dun libro de fotografía, como é o caso en certa medida, o deseño debe supeditarse aos intereses dos autores. Agora ben, eu sabía plenamente da dificultade de dar forma a tanto material e tantas sensibilidades como había que engadir neste volume, polo que tentei ser flexible cando os deseñadores escollían ou cortaban imaxes. Iria e Rai teñen moi boa man e deixáronme acompañalos e aconsellalos en gran parte dese proceso, cousa moi de agradecer e que se nota no resultado. Escoller resulta moi complexo cando se ten tanto material. Eu paseilles aos deseñadores unhas 30 imaxes por cada autor, algunhas marcadas como “favoritas”. Pero eles tiñan que mirar máis alá das fotos individuais e atender ao conxunto da composición, polo que algunhas das miñas favoritas tiveron que quedar fora do libro “oficial”, aínda que logo se engadiron na versión de supermercado. Sempre queda mágoa por algún material que non consegue ver a luz pero hai que saber discriminar e contar con que, unha vez rematado, tódolos inconvintes e materiais orfos vanse esquecer ou quedar na recámara para reciclar noutro momento…

. Tras meses de probas, maquetas e rompedeiros de cabeza, en Xaneiro do ano 2010 aparecen en escea Iria Sobrino e Rai Iglesias, do estudo noncommon, que son os que finalmente levarán a cabo a elaboración do libro para a editorial Galaxia. ¿Como chegastes ata eles? ¿por que?

Como ti dis tras dúas maquetas propostas por deseñadoras da editorial, chegou un punto no que se fixo claro que un proxecto coma este necesitaba de moita máis implicación, tempo e comunicación entre deseñadores e autores, polo que puidemos elixir con quen queríamos traballar. Eu coñecía os traballos de noncommon e sabía da súa fonda implicación co material ao que dan forma, engadindo varios “libros singulares” de características semellantes ao noso. E téndoos tan preto na escola, caía de caixón.

. Segundo vimos, houbo unha maqueta previa con, por exemplo, outro tipo de papel máis esponxoso e satinado e onde, nun principio, tan só aparecían 6 páxinas de cada autor. Finalmente, as 6 páxinas tornáronse en 8, e o papel seleccionouse por conta da editorial. A pesar do tira e afrouxa propio nestes temas, ¿quedastes contentas coa obra final?

Quedamos encantadas co resultado e temos que agradecer a tódalas partes implicadas (os 21 autores, a editorial Galaxia, os deseñadores e tamén as nosas familias) a paciencia e a axuda inestimable que foi precisa para acadar un produto tan orixinal e da calidade que nós pretendíamos.

·Se tiveses que reeditar a día de hoxe este libro con total liberdade no formato, o papel, as tipos, etc ¿como sería o teu «cociñando ao pé da letra» ideal? ¿Poderías darnos algún consello de como afrontar e levar a cabo este tipo de negociacións?

Ter claro o que se pretende e loitar porque iso ía adiante, pero tamén saber asumir as limitacións que se impoñen dende “arriba”. Paciencia, sobre todo iso…

. Despois de diversas conferencias, unha das últimas no Instituto Cervantes de Dublín, ¿tedes plantexado algunha actividade máis de cara ao futuro?

Temos unha conferencia- recital que explica as relacións entre literatura, cociña e fotografía e iremos alí onde nos soliciten. Agora mesmo estamos pendentes de que se confirme unha invitación para o Cervantes de Shangai, a ver se hai sorte…

. Por último, aínda que seguramente xa cho terán preguntado… ¿existe algún prato fetiche dos que compoñen o libro?

Persoalmente, a nivel culinario, a receita que máis me sorprendeu foi a sopa de pataca de Helena Villar Janeiro, parece algo tan obvio que logo a textura resulta incrible ao padal. Tamén a nivel fotográfico Helena foi das máis arriscadas e o seu retrato é un dos que mellor funcionaron.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Volver arriba