“O vello Michael e Gerrit falaban con Vincent, o máis novo. Os dous primeiros sentados, Vincet de pé apoiado na parede. Nós no chan doutro lado da porta, agochados no corredor, escoitando como nenos a conversa dos seus pais. O primeiro curvaba una vara vara eo segundo falaba dun tal Piet mentras xogaba coas cores vermella, amarela e azul. O máis novo, que sabia moi ben do que falaban, pregaba un anaco de papel.Thonet, Rietveld e o máis novo, Martínez, despedíronse e nós liscamos.
Era polo mes de marzo e chegaron os tempos do papel e a tesoira”
http://www.flickr.com/photos/adblog/6813673590/in/photostream
Con este pequeno texto, os interioristas Susana e Pedro Román, preséntannos «Corta | Prega», unha liña de moblaxe deseñada sobre chapas de aceiro.
A obra consta de tres mobles: unha mesa baixa, un asento e un moble baixo deseñado para aparatos audiovisuais que se poderán ver, probar e tocar no espazo polivalente da escola.
Corta | Prega é unha liña de mobles que naceu, por dicilo dalgún modo, do azar, cando Susana Román estaba a intentar deseñar a súa propia tarxeta de visita en papel e da que posteriormente naceu a cadeira. A partires deste momento, e vendo que a idea podía funcionar, decidiu xunto a Pedro Román (profesor da escola) comezar a buscar materiais que se correspondesen co plano proposto, así como adaptar o propio deseño a estes e ao proceso de produción.
O elemento elixido para levar a cabo a serie foi a chapa de aceiro. Partindo da base de experimentar co material e as súas posibilidades, cada peza adaptaríase ás dimensións deste e, cada unha delas, á súa vez, contería o menor número posible de pezas.
Deste xeito realizáronse os tres mobles, estudando a primeira maqueta en papel, redimensionándoa e axustándoa ás proporcións humanas e ao tamaño da chapa. Posteriormente, no abradoiro, comezouse a traballar o aceiro dobrándoo do mesmo xeito que co papel do que xurdiu a idea.
A mesa (que segundo comentan é a peza máis sinxela) é a que lles serviu de experimento e aprendizaxe, consta dunha única peza de aceiro, logo veu o asento con dúas pezas. E finalmente o moble, formado por tres pezas, coa bagaxe e a liberdade adquirida tralas anteriores. Tódolos mobles posúen en común ademais do material o seu acabado.
En definitiva, e segundo comentan os autores, esta liña de moblaxe ten unha compoñente lúdica e non se trata dun proxecto ríxido, por non responderes a ningunha encarga.
Para ver tódalas imaxes, véxase:
http://www.flickr.com/photos/adblog/sets/72157629163515138/