CDAV (Centro de Documentación de Arquitectura de Vigo): proxecto final P.D.O. por Sandra González Villanueva

CDAV: centro de documentación de arquitectura de vigo

CDAV é uns dosProxectos Finais do Ciclo Formativo de Grao Superior de Proxectos e Dirección de Obra de Decoración que se imparte en AulaD , realizado por Sandra González Villanueva; e que obtivo a mención de Matrícula de Honra na súa promoción no ano 2009. A continuación, exponse un breve resumo do mesmo acompañado dunha pequena galería de imaxes onde se pode comprobar o traballo desta alumna que, ao día de hoxe, encóntrase na escola cursando o Ciclo Formativo de Grao Superior de Gráfica Publicitaria.

·DEMANDA:
O obxecto deste proxecto é a reforma e rehabilitación dun local existente para implantar un centro de documentación de arquitectura en Vigo. O local obxecto do proxecto sitúase no semisoto dun edificio residencial situado nun solar na esquina do  encontro  das rúas Velázquez Moreno e Marqués de Valladares n.º 16, no centro de Vigo, con orientación Noroeste (fachada principal)

Estas rúas pertencen a unha zona de tráfico peonil importante pola súa proximidade ao centro financeiro, á estación marítima, ao teatroCaixanova, ao edificio da Xunta e aos xardíns de Monteiro Ríos e da Alameda. O tráfico rodado é continuado pero non intenso, dada a estreitura destas rúas dun único sentido de circulación.

Esta localización corresponde aos crecementos do ensanche de principios de século, evidenciando a importancia que a zona tivo nas primeiras décadas do século XX e que segue tendo hoxe en día, formando parte da zona protexida polo PXOM.

·ESTADO ACTUAL:
O local onde se sitúa o proxecto, na actualidade destinado a un uso relixioso, pertence ao semisoto dun edificio residencial. Ámbolos  foron catalogados pola Guía de Arquitectura deVigo, publicada polo COAG, como un edificio clave no desenvolvemento urbano e arquitectónico da cidade.

O local, semienterrado e de forma aproximadamente rectangular, presenta unha estrutura porticada de formigón con vigas de sección variable e gran canto. É esta secuencia de vigas e piares a que protagoniza o espazo interior, potenciada por un ventanal corrido, en contacto co teito, que ten a mesma altura que o canto das vigas.

Accédese ao local dende a rúa Marqués de Valladares, na cota ±0,00m, ao través dun entrechán, estando a planta baixa inclinada cara o lado oposto ao do acceso, resolvendo a diferenza de altura deste último e proporcionando unha mellor visión .
O local posúe 2 fachadas orientadas á rúa Marqués de Valladares, na que se sitúa o acceso e á rúa Velázquez Moreno, en pendente, na que se sitúa un acceso secundario.

·A PROPOSTA:
A intervención pretende acondicionar o local para situar nel un centro de documentación tendo en conta a significación histórica e simbólica da localización na memoria histórica dos cidadáns (con anterioridade o solar foi ocupado por un edificio no que se situou un dos primeiros cines da cidade, o cine Royalty).

Tendo en conta a importancia arquitectónica do edificio (Guía), preténdese conservar e dar a coñecer a súa identidade, non implicando necesariamente unha actitude conservadora. Dado que se trata dunha reforma que implica un cambio de uso, varían as necesidades e as superficies do antigo local non se adaptan aos requirimentos do proxecto, e varían tamén as normas da edificación, influíndo en determinados aspectos do proxecto (alturas, sistemas construtivos…). Por iso intervense alí onde as necesidades o requiren, establecendo un criterio de diferenciación, con cambio de material, entre o novo e o existente, conservando e, en certo modo potenciando, o que se considera a esencia do local, «preexistencias». Estas están formadas pola súa envolvente externa e a súa estrutura porticada de formigón; consérvase o que se considera o «esquelete do edificio”.

Preténdese que o local non só sexa un centro de documentación, senón que este sirva como exemplo de arquitectura e das posibilidades que pode ofrecer a reutilización de edificios. Búscase transmitir unha idea de proximidade, quérese levar a arquitectura á rúa (centro de documentación de arquitectura), achegar o centro á xente para que esta acuda de forma habitual tanto para documentarse coma para asistir ás conferencias, exposicións e cursos que nel se impartan.

Usaranse para iso formas simples, comprensibles e circulacións claras. Tanto as formas coma os materiais deben transmitir unha idea de cotianeidade e de achegamento á cultura. Usaranse materiais prefabricados como forma de diferenciar o novo e o existente e como medio para reforzar a idea de reutilización e uso temporal: nun momento dado o centro pode deixar de existir ou trasladarse a outro lugar e o local servir para outro uso, sen perder a súa identidade.

·PROGRAMA DE NECESIDADES:
A intervención sobre o local pretende acondicionar o interior deste para situar este Centro de Documentación de Arquitectura. Crearanse distintas zonas axeitadas aos distintos usos aos que se destinará cada unha delas. O Programa de Necesidades consta de:

Usos públicos
– Vestíbulo con punto de información, despachos e tenda
– Biblioteca especializada (15-20 persoas)
– Auditorio (45 espectadores sentados)
– Exposición permanente dedicada a mostrar os datos de interese das 20 arquitecturas de Vigo propostas.
– Espazo dedicado a exposicións monográficas temporais.

Usos privados
– Oficinas e arquivo
– Aseo e vestiario
– Obradoiro-taller
– Almacén

:::PERCORRIDO:::

·ACCESO
No acceso, situado na rúa Marqués de Valladares, o peche de seguridade estará formado por porta corrediza realizada con bastidor metálico e paneis de labra cemento que levarán lacado o nome do centro. No resto das fachadas non se realizan modificacións; tan só cambiaránse as carpintarías por outras fixas de aluminio, con idéntica modulación, mantendo a composición da fachada. Os ocos de acceso secundarios da rúa Velázquez Moreno péchanse con carpintarías fixas de aluminio e vidro translúcido, permitindo a entrada de luz pero preservando a privacidade.

Tódala planta alta estará trasdousada perimetralmente con paneis de labra cemento con rematado bruto gris. As divisións interiores estarán formadas por tabiquería de armazón metálica revestida con paneis de cartón xeso rematado con pintura plástica lisa cor branca. O forxado constrúese con chapa colaborante e lousa de formigón armado. O pavimento estará formado por parqué industrial de carballo, con zócolo unicamente sobre os tabiques de cartón xeso . Nos aseos e vestiario o pavimento estará formado por un morteiro monocapa coloreado branco.

Dende o acceso chégase ao vestíbulo. O mostrador de recepción, realizado con táboas de piñeiro pintadas de branco, levará nun lado unha vitrina onde se expoñerán os produtos da tenda.

O estantería que separa a recepción das oficinas, realizada con estrutura de piñeiro e forrada con taboleiro DM pintado de branco e laranxa, deixará unha abertura a unha altura de 1 m para que o administrativo, dende o seu posto de traballo, poida ter contral do acceso.

(A situación das oficinas responde ás necesidades de luz natural e de relación co resto de estancias privadas, como a zona de investigación, e a recepción. A iluminación destas realizarase por medio de luminarias de tubo fluorescente suspendidas.)

No vestíbulo, o tabique que separa este da exposición permanente deixará dous ocos, un ao nivel do beiril do forxado, onde se sitúan os despachos, e outro ao nivel do descanso da escaleira, para poder intuír o que hai detrás. Deste modo, aínda que as circulacións son claras, compartiméntase o espazo para que sexa descuberto de forma gradual e diríxense os percorridos para que en cada un deles o visitante descubra aquilo que pretendemos.

No vestíbulo e a recepción utilízase unha iluminación xeral por medio de Downlights de superficie con lámpadas de tubo compacto. No acceso e fachadas colocaranse proxectores con lámpadas de descarga de haloxenuros metálicos HIT, que proporcionan unha iluminación potente e de óptima reprodución cromática.

·BIBLIOTECA
Na biblioteca establécese un punto de conexión entre o espazo público e o privado ao relacionarse coa zona de investigación. Esta última ábrese á biblioteca para que os investigadores poidan atendela á vez que realizan o seu traballo, sen perderes a súa relación co resto de estancias privadas ao estar todas elas situadas no entrechán.

O mobiliario da biblioteca estará formado por estantes realizados en taboleiro DM pintado branco ou laranxa e mesas con taboleiro DMpintado branco. Para os asentos escóllese unha cadeira xa fabricada, con asento en polipropileno cor laranxa e estrutura en aluminio, que achegou algo ao mundo do deseño ao ser a primeira cadeira de fabricación industrial realizada en plástico: a «Plastic Side Chair» de Charles e Ray Eames. O mostrador, ao igual que o de recepción, estará realizado con táboas de piñeiro pintadas de branco.
Ao igual que nas oficinas, na biblioteca tamén se aproveitará a luz natural que entrará por unha das ventás que dan ao patio de luces e polo oco de fachada, antigo acceso secundario, que se pechará con carpintaría fixa de aluminio e vidro translúcido. Empregarase unha iluminación xeral, uniforme, con luz fluorescente por medio de luminarias de tubo suspendido e unha iluminación puntual, sobre os estantes, por medio de Downlights de superficie orientables con lámpada de descarga de tubo compacto.

·EXPOSICIÓNS TEMPORAIS
Seguindo a idea de achegar a cultura á xente e de permitir que o cidadán use a cidade na que vive, proponse que nas exposicións temporais poidan expoñer a súa obra, relacionada coa arquitectura e o deseño, cidadáns anónimos como forma de darse a coñecer. Desta forma créanse espazos de permeabilidade coa cidadanía; o centro é un espazo onde documentarse, formarse e darse a coñecer. Búscase achegar un valor humano e social ao centro.

Reforzando a idea de provisionalidade e ao mesmo tempo potenciando o que se considera a esencia
Arquitectónica do local, as «preexistencias», o espazo das exposicións temporais situarase nuns colectores modulares, totalmente desmontables, formados por unha estrutura a base de perfís IPN soldados, con cerramento de policarbonato celular translúcido, que colgarán literalmente dos pórticos transmitindo tamén esa idea de «prótese» ou uso engadido e temporal. Do mesmo modo a pasadeira que levará dende o vestíbulo ata os colectores, tamén estará formada pola mesma estrutura metálica «desmontable». O pavimento tanto dos colectores coma da pasadeira estará formado por tramex. A pasadeira pecharase por ámbolos dous lados cunha varanda de perfil cadrado de aceiro e chapa lisa cega.

Para a iluminación das exposicións temporais utilízase un sistema de carrís con focos proxectores orientables.

·PLANTA BAIXA:
Como elemento de comunicación vertical sitúase o núcleo de escaleira e ascensor situado no vestíbulo. O ascensor dispón de cabina de dimensións adaptadas a minusválidos, dobre apertura a 90º e presenta unha estrutura de formigón vista. A escaleira, de 2 tramos «en U»,separada do ascensor e do forxado sóldase aos perfísIPN deste último, formando unha estrutura metálica independente con perfís UPN e chapa pregada de aceiro. O peldañeado estará formado por taboleiro labra cemento e presentará unha varanda metálica con tubo de aceiro de sección circular e 2 cm diámetro. A escaleira de emerxencia, protexida, presentará estas mesmas características pero dispoñerase en forma recta.

Tanto a escaleira principal coma o ascensor desembarcan nun vestíbulo dende o que parten circulacións cara ao auditorio, os aseos e a zona polivalente, a continuación da cal se sitúa a exposición permanente.

En planta baixa estableceranse 2 cotas diferentes, adaptando a altura dos espazos ás súas necesidades: a exposición na cota máis baixa, logrando unha maior altura, os aseos na cota máis alta e o auditorio e a zona polivalente en rampla, logrando unha maior visibilidade do estrado e reforzando a idea de percorrido, respectivamente.

Ao igual que a planta alta, todo o perímetro da planta baixa estará reforzado con paneis de labra cemento con rematado bruto gris. O pavimento estará formada por un morteiro monocapa continuo cor gris, agás nos aseos que será branco.

·AUDITORIO:
Ao auditorio, situado en rampla, con capacidade para 45 espectadores sentados, accédese directamente dende o vestíbulo no que desembarca a escaleira.

O seu acceso está situado na parte traseira e disporá dun único corredor lateral. Terá un segundo acceso, privado, dende os camerinos, situados xunto ao almacén (baixo a escaleira).

Os seus cerramentos estarán formados por paneis acústicos de madeira perforada con rematado rañurar lacado gris RAL 7046.

No auditorio empregarase unha iluminación xeral, difusa, conDownlights de superficie, unha iluminación indirecta con apliques de parede no corredor e unha iluminació directa, de realce, con focos proxectores no estrado.

·OBRADOIRO-ALMACÉN:
O obradoiro e o almacén forman un único espazo, oculto detrás do auditorio, que comunica directamente coa exposición permanente ao través dunha porta corrediza. Ao mesmo tempo, teñen un acceso directo aos aseos, ofrecendo, deste modo, unha circulación alternativa máis privada.

A iluminación do obradoiro, ao igual que a de oficinas e biblioteca, será unha iluminación «de traballo», xeral e uniforme, con lámpadas de tubo fluorescente.

·ASEOS
A situación dos aseos está condicionada pola súa necesidade de relación coa exposición permanente e o auditorio. A eles accédese directamente dende o vestíbulo no que desembarca a escaleira. Preténdese que ocupen unha posición accesible pero dispoñendo as portas de tal maneira que resulten ocultas.

·ZONA POLIVALENTE:
O vestíbulo no que desembarca a escaleira comunica tamén coa zona polivalente, en rampla ao igual que o auditorio, a continuación da que se sitúa a exposición permanente.

Na zona polivalente búscase tamén achegar un valor humano e social ao centro ao crear un espazo destinado a un uso lúdico: celebracións, ocio, etc. Crease lugar e dase lugar, propiciando as condicións para que xurda o encontro, o diálogo.

Na cuberta abriranse catro ocos e dispoñeranse catro lucernarios con claraboias de metacrilato que achegarán luz natural a esta zona.

O tabique que separa a zona polivalente da exposición permanente levará un vinilo imprimido con información sobre o contido da exposición. Esta información consistirá nun esquema cronolóxico comparando os acontecementos arquitectónicos en Galicia, España e o resto do mundo.

A iluminación será xeral, difusa, con Downlights de superficie e haberá tamén unha iluminación indirecta con apliques de parede. Estes dous tipos de luminarias permitirannos variar as características da iluminación segundo as necesidades.

·EXPOSICIÓN PERMANENTE:
Na exposición permanente expoñeranse os datos de interese de cada unha das 20 arquitecturas de Vigo propostas organizadas por movementos arquitectónicos (catro etapas con 5cinco edificios cada unha). Cada un dos edificios contará cunha maqueta e un panel no que aparecerán plantas, seccións, breve descrición, bosquexos e fotografías. A documentación escrita ampliarase no folleto que se entregará gratuitamente e na zona de documentación, anexa á sala de exposición. Esta estará dotada de sistemas informáticos e medios audiovisuais onde a información estará organizada por un sistema de hipervínculos para que o visitante poida seleccionar aquilo que desexa ler.

Seguindo o criterio de reutilización, os módulos expositivos sobre os que se colocarán as maquetas e os escanos da sala de exposición, estarán formados por palets amoreados, permitindo variar as alturas e a composición destes. Os paneis con fotografías colocaranse sobre uns bastidores realizados tamén con listóns e táboas de piñeiro.

Na exposición permanente usarase unha iluminación xeral indirecta con apliques de parede e unha iluminación de realce, sobre os expositores, con carrís electrificados con focos proxectores orientables, permitíndonos variar a iluminación segundo as necesidades.

·INSTALACIÓNS:
O acondicionamento térmico e a renovación de aire resólvese mediante sistema de bomba de calor. O cálculo realízase determinando a potencia frigorífica necesaria segundo as ganancias de calor e o caudal de aire necesario en cada local. Obtido o caudal de aire necesario determinamos o tamaño dos condutos.

Realizado o cálculo decídese colocar  dúas unidades compactas horizontais, unha para a climatización da planta alta, situada no patio de luces, e outra para a climatización da planta baixa, situada no tiro da escaleira protexida. Os tubos de canalización do aire, vistos, serán de chapa de aceiro galvanizado, de sección rectangular, e contarán con reixas de impulsión e de retorno en aluminio extruido con lamas horizontais.

·ORZAMENTO:
O presuposto total é de 468.730,31 €.

Para ver tódalas imaxes, véxase:
http://www.flickr.com/photos/adblog/sets/72157629512059613/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Volver arriba