O vindeiro martes 21 de maio, ás 19:30h o deseñador Pepe Barro presentará na escola, da man do Ateneo Atlántico e Xerais, o seu libro Máis que ver, cen historias do deseño na Galiza, unha recopilación de artigos onde profundiza sobre aspectos como a orixe e a evolución dos nosos símbolos identitarios (a bandeira de Galiza, o escudo) e reflexiona sobre outras referencias relevantes na nosa cultura visual dende a perspectiva do deseño e a comunicación.
«Sempre hai máis que ver se usamos os ollos e a cabeza ao tempo, se ollamos con toda a nosa bagaxe cultural. As pezas de deseño gráfico reflicten a cultura dun país, mesmo cando non damos lido as súas mensaxes, fáltannos as claves históricas, tantas veces negadas, ou o coñecemento da linguaxe visual, moi maltratado no ensino regrado. Velaquí cen historias da historia da nosa cultura, cen artigos que son un convite a debullar os códigos da comunicación visual, cen tixolos cos que axudar a levantar a historia da profesión na Galiza».
Entre os seus traballos máis relevantes nos seus corenta anos de exercicio profesional está o deseño do semanario A Nosa Terra, a identidade visual da Universidade da Coruña, os primeiros “cuponazos” da Once, a camiseta da Selección Galega de Fútbol, ou a icónica caixa de ovos do Pazo de Vilane, entre moitos outros.
Presentación do libro Máis que ver, cen historias do deseño na Galiza de Pepe Barro.
Martes 21 de maio, ás 19:30h
Aula D, escola de deseño
Rúa Elduayen 36, planta -1 (acceso por escaleiras laterais)
Entrada é libre ata completar aforo