O pasado 20 de novembro tivemos o pracer de compartirmos con Alfonso Vázquez Cortizo, realizador e produtor xunto con Javier Álvarez en A*Sombra produccións, a súa visión persoal e profesional do eido audiovisual en Galicia.
Dende unha dilatada experiencia, ben como profesional para diferentes medios (TVG, Localia, Faro Producciones ou V Televisión, entre outros), ben na súa faceta de produtor independente, Alfonso expuxo a través de diferentes traballos todos aqueles aspectos involucrados na realización dun proxecto audiovisual: dende o anteproxecto, o financiamento, os aspectos técnicos, ou o traballo en equipo ata a relación co cliente e o produto final.
O recoñecemento ao seu traballo viu dado a través do Premio Mestre Mateo ao mellor documental no ano 2012 por 100% CEF, unha produción sobre o escritor Celso Emilio Ferreiro dirixido por Aser Álvarez.
Cómpre destacar tamén o seu compromiso cos novos creadores do audiovisual en Galicia, algo que se pon de manifesto en proxectos como o festival de curtametraxes Curtopía, do que é organizador dende a súa primeira edición no ano 2010.
Trala charla os nosos bolseiros Sarah e Marcos tiveron a oportunidade de facerlle a Alfonso algunhas preguntas que compartimos convosco:
Como naceu A*Sombra?
A*Sombra xurdiu a partires dunha serie de experiencias negativas que se deron traballando por conta allea. Non se valoraba a creatividade; houbo un momento no que tiñamos o coñecemento necesario para crear cousas e a posibilidade de prescindir dun xefe que te limitara á hora de traballar.
Comezaron a perdírmonos traballos, e así o noso primeiro paso foi o documental «Gándaras de Budiño«(encargo de Xián Nieto), sendo iste o xeito de abrirmonos os ollos e botar para diante.
De que xeito afectou o premio Mestre Mateo ao voso traballo?
Sobre todo no recoñecemento público dun traballo ben feito. A xente que traballa connosco valóranos. Asemade, ter un premio destas características no currículum tamén resulta de axuda á hora de pedir subvencións ou bolsas.
Como foi o proxecto ‘Galicia Connection’?
O proxecto «Galicia Connection» foi moi intersante. Tratouse dun programa de televisión cun formato moi novidoso emitido nunha canle moi nova; foi un reto chulísimo que nos aportou unha visión moi enriquecedora xa que poidemos coñecer a case 100 persoas extranxeiras que vían Galicia dende outra perspectiva.
Fálanos da túa vindeira longametraxe.
Para a longametraxe ‘Contrafaces’ conseguín unha subvención de talento de Agadic. Trátase dun híbrido entre documental e ficción ao tempo un proxecto sobre os idiomas e a identidade individual e colectiva no que aparecerán diversas linguas como o galego, o islandés, o inglés e mesmo un idioma ficticio.