Charla do ilustrador Iago Araujo

O pasado 30 de abril tivemos a sorte de que o deseñador e debuxante Iago Araujo dera unha charla na nosa escola sobre os puntos chave á hora de realizar un cómic divulgativo e didáctico como o seu marabilloso proxecto ¿Qué é o comercio xusto? , editado en tódolos idiomas da península e distribuido tanto en España coma en Portugal. A ponencia poñía punto final á exposición do seu traballo no espazo polivalente de aula D durante o mes de abril. Nela puidemos apreciar todo o proceso creativo dun cómic dende os primeiros bosquexos ata o resultado final, pasando polas fases de planificación e estructura, guión, creación das personaxes, escaneado, coloreado, maquetación, etc…

Ao longo da súa presentación quedou claro que un medio como a banda deseñada, tan recoñecido en países como Bélxica ou Xapón, pode servir como extraordinaria ferramenta de comunicación, ademáis de contar historias que poden ser tamén para adultos. Como ferramenta didáctica a banda deseñada ten a ventaxa de que o lector pode controlar o tempo que lle adica a cada viñeta así como comparar diferentes ilustracións cun só vistazo á páxina. Os debuxos e o texto compleméntanse para explicar as situacións e a súa expresividade facilita que poidamos identificarnos a nivel emocional cos protagonistas.

Na súa explicación do proceso creativo, e como bo ex-alumno de aulaD,  Iago fixo fincapé nas fases de documentación e análisis como parte fundamental dun proxecto ben cimentado. No caso concreto deste cómic sobre o comercio xusto, despois de documentarse durante unhas tres semanas, toda esa información pasou a tomar forma nunha estructura para o guión na que cada parte da historia debe ter unha mensaxe clara e ben definida. Tamén destacou a importancia de contar co apoio de xente experta na materia co fin de dispor da máxima obxectividade e non deixarse levar por prexuizos ou ideas preconcebidas, tales como que o comercio xusto se poida confundir coa caridade ou pensar que os países empobrecidos son realmente pobres. Neste caso a xente da cooperativa Árbore resultou imprescindible para pulir a historia.

Na parte formal Iago decidiu un tratamento moi limpo e sintético baseado en formas xeométricas sinxelas, un uso reducido da cor e unha maquetación clara, o que en conxunto facilita a lectura da historia para un público amplo. Tamén está moi coidado o uso de recursos como as metáforas visuais, que aportan un valor engadido, e tamén a utilización de imaxes simbólicas para agromar significados dunha forma máis efectiva.

Tanto a exposición como esta charla resultaron do máis enriquecedor e ameno. Non perdades a oportunidade de coñecer o traballo deste excelente comunicador.

http://iiago-portafolio.blogspot.com.es/
http://clasescomicvigo.blogspot.com.es/

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Volver arriba