O vindeiro venres 8 de marzo, na Escola de Deseño Aula D -na rúa Ourense 4, baixo, en Vigo-, o grupo tiNGLao, formado por Emilia Guimeráns e Jorge P. Conde, presenta a mostra de traballos de fotocerámica, “A mirada cega”, que forma parte da serie ûRb-vg, composta por imaxes urbanas de Vigo reveladas sobre placa cerámica sen vidriado, mediante a antiga técnica fotográfica da goma bicromatada. A inauguración será a partires das 21:00h e poderase visitar dende o día 8 de marzo ate o día 5 de abril.
Esta técnica de impresión de imaxes , a fotocerámica , xorde a mediados do século XIX a partires dos primeiros experimentos fotográficos con sustancias sensibles á luz, en concreto a “goma bicromatada”. O proceso de revelado é individual e artístico en cada peza, e por iso cada copia ten o seu propio aspecto. Na actualidade, esta antiga técnica, foi desprazada polos modernos medios dixitais, que carecen daquela atmosfera.