http://www.flickr.com/photos/adblog/7175768700/in/photostream
O último dos proxectos sobre a rehabilitación en Casaio que se publica parte de Lorena Serrano e Iris Vila, alumnas de segundo ano do Ciclo Formativo de Grao Superior de Proxectos e Dirección de Obras de Decoración. Con todos os traballos que se expuxeron sobre este tema, preténdese mostrar as diferentes perspectivas e solucións que xurdiron dunha única idea: rehabilitar unha antiga vivenda na provincia de Ourense.
:::DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS:::
Realizamos a rehabilitación dunha vivenda tradicional propia da arquitectura popular galega «das serras» situada na Serra da Mina en Casaio – Ourense.
Adaptaremos a vivenda ao seu novo uso como Oficina de Rehabilitación Comarcal, a que require un espazo de traballo para persoal técnico, unha sala de xuntas, unha oficina de dirección, unha zona de exposición e unha recepción.
·Estado actual:
A vivenda orientada ao nacente presenta dúas plantas comunicadas por unha pequena escaleira exterior que desembarca nun corredor.
Na planta térrea encóntranse as cortes ademais dun alpendre como zona exterior baixo cuberta e un muíño.
Na primeira planta encontrámonos unha cociña cunha lareira realizada en lousas de pedra e un cuarto cunha pequena ventá. Polo corredor accedemos a outra estanza situada na mesma planta.
Os materiais propios da arquitectura desta zona son o xisto para os muros e cuberta.
As estruturas do pavimento e cubertas están realizadas con vigas de madeira en bo estado e pontóns do mesmo material.
A vivenda adáptase a un terreo en pendente polo que pasa un regato que alimenta o muíño e no que existe un carballo.
·Estado Reformado:
O criterio a seguir nesta rehabilitación parte dunha intervención contida que pon de manifesto a súa tipoloxía;
fusionando o valor desta arquitectura coas novas tecnoloxías así como a adecuación ás novas necesidades. Para a adaptación proxéctanse novas ventás que achegan maior luminosidade ao espazo e abren a vivenda ao exterior. Eliminamos parte do muro medianeiro para obter un espazo menos compartimentar.
Como elemento artellador deséñase unha escaleira que une a planta terrea e a primeira planta dando unidade e continuidade ao conxunto. O corredor aberto na vivenda orixinal, péchase adaptándoo como espazo interior, algo habitual tamén na arquitectura popular tradicional da zona.
·Acceso e exterior:
O acceso prodúcese dende a planta terrea, onde nos encontramos o alpendre, espazo exterior que quedará ao servizo e desfrute da comunidade, ao igual que o antigo muíño, que acondicionamos para converterse nunha zona pública como espazo de faladoiro e miradoiro.
A auga que alimenta ao muíño descorre polo lateral da vivenda, nunha canle .
·Recepción:
Próxima ao acceso principal na planta térrea encóntrase a recepción, a sala de espera, o arquivo histórico e unha zona de exposición que nos conduce a través dunha escaleira ata o corredor e a zona do persoal técnico na primeira planta.
·Escaleira:
Actúa como elemento de unión.
Está situada nun espazo lateral a dobre altura e reforzada por un ventanal que achega maior luminosidade.
O ventanal está orientado ao carballo coa intención de que este se integre no interior.
·Zona de traballo:
A primeira planta é un espazo aberto nela sitúase unha zona de traballo para 3 profesionais, a que ten acceso directo á sala de xuntas situada no corredor e á oficina de dirección.
·Corredor:
Este proxéctase como espazo interior aberto ao val mediante un peche de vidro e ao alpendre cun cerramento mixto de madeira na súa cara interior e metálica polo exterior formando un sándwich e un vidro. Aquí sitúase a sala de xuntas e un espazo polivalente para proxeccións ou charlas, separados a través dun mobiliario móbil. Conservamos o acceso existente como privado.
·Acabados:
Os espazos de traballo e recepción materialízanse en pintura branca orixinando un ámbito puro e luminoso. O mobiliario realízase á medida en madeira de piñeiro e aceiro. Todas as estanzas teñen unha entrada de luz natural e unha iluminación artificial xeral (encaixada no teito).
Na escaleira serán visibles os muros de lousa que contrastan cos paneis de exposición. O chan é de DM vernizado nun ton escuro na primeira planta e formigón brunido na planta térrea.
Para ver tódalas imaxes así coma os planos e paneis, véxase:
http://www.flickr.com/photos/adblog/sets/72157629677434374/

