New Babylon: unha cidade situacionista

O Venres 27 de Xaneiro contamos coa presenza da Arquitecta Marta Vilas Rodríguez, que veu a Aula D para impartir unha interesante charla-coloquio baixo o título: «New Babylon: unha cidade situacionista».
New Babylon é unha cidade nómade estruturada sobre plataformas móbiles proposta polo artista Constant entre os anos 50 e 70. O proxecto, situado na vertente máis arquitectónica do grupo de Vangarda «A Internacional Situacionista» resulta moi interesante (segundo comentan Marta Vilas e Xerardo Pérez- Arquitecto e profesor na nosa escola) debido a que é bastante complicado de toparmonos con el nos libros de Historia da Arquitectura Moderna. Trata sobre a organización nas cidades, onde se propoñen diversas alternativas a un urbanismo moi racionalista propio da época e cuxa máxima foi sempre buscar que o ser humano mellorase a súa calidade de vida .

http://vimeo.com/14336720


Vídeo sobre a maqueta de New Babylon de Constant realizado en 2005 por Victor Nieuwenhuijs (fillo do artista) e Maartje Seyferth, ámbolos dous da produtora Moskitofilm

Este modelo de cidade ideal, polo que entendín, non ten demasiada relevancia nos anos nos que foi concibida, pero si na actualidade. ¿Saberías explicarmonos o por que deste motivo?

Nos anos nos que foi concebida New Babylon, foi exhibida e exposta ampliamente, despois cae nun relativo esquecemento ainda que estivo presente a través das súas influencias máis ou menos explícitas ou parciais.

Creo que o factor importante pola que New Babylon está en recuperación, é pola necesidade de encontrar formas de entender e despois interveir na cidade contemporánea, cuxa complexidade desborda o campo disciplinar clásico do urbanismo.

A idea de levar a cabo New Babylon, unha cidade case «utópica», construída polos mesmos habitantes, multicultural, nómade, con decorados móbiles, chea de cor, onde a vida é o xeito de facer arte, os homes e mulleres sempre «divírtense» e a propia cidade é o campo de experimentación… ¿Paréceche factible dende o punto de vista actual?

A factibilidade de New Babylon creo que radica na súa conversión nunha actitude. E creo que tamén é nese aspecto no que radica que o seu interese permaneza ao longo do tempo.

Non creo que se poida propor hoxe un modelo único de sociedade, pois ao  tendemos é á coexistencia de diferentes tipos de sociedades, como nos desvela hoxe un lixeiro análisise das cidades contemporáneas, e especialmente das grandes urbes dos países emerxentes.

¿Como cres que sería realmente New Babylon en pleno ano 2012? ¿E nun futuro? ¿Que opinas sobre a achega deste tipo de filosofía arquitectónica aos anos posteriores? ¿Cres que se botaron pola borda tódolos principios e filosofía tan fortes dos que se partiu nun principio? ¿Son este tipo de cidades case imaxinarias as que poden axudar a reformulármonos as novas cidades?

Nas propostas imaxinativas e as reformulacións globais sen dúbida radica unha enorme capacidade de suxerir camiños alternativos. E concretamente New Babylon e a Internacional Situacionista exercen unha ampla influencia sobre o pensamento das décadas posteriores. En concreto Sadie Plant no seu libro «O xesto máis radical» analiza a repercusión da Internacional Situacionista no panorama filosófico e político do noso tempo, atribuíndollele un papel fundamental.

A cidade que se propón está composta por elementos que se poden dirixir do xeito que, por dicilo dalgunha maneira, máis nos conveña…esta práctica é herdada da Internacional Letrista, da que comentabas, consérvase unha grande cantidade de información posto que se recompila nas revistas que posúen o mesmo nome e que se baseaba na práctica de reciclar e manipular compoñentes anteriores para xerar novos elementos. ¿Cres que se encontran aquí o alicerce do que hoxe en día coñecemos como sustentabilidade? ¿Como pensas que pode afrontar ou contribuír esta cidade do futuro, ou as vindeiras, a temas tan preocupantes hoxe en día como a biodiversidade ou a ecoloxía?

Aínda que os aspectos medioambientais non están presentes no ideario situacionista, o cuestionamento radical da sociedade do consumo xa supón unha actitude fronte ao tema da sustentabilidade. E coido, sobre todo, que a reivindicación da capacidade de construir unha sociedade fundamentada en valores e actitudes totalmente opostos aos imperantes nas sociedades contemporáneas desenvolvidas , é a única vía para sair do círculo pechado produción-consumo-crecemento económico, que se está presentando xa como un modelo abocado ao fracaso.

Un dato curioso que saíu á luz, xa na charla, foi que Constant non emprega o factor humano na realización da súa maqueta, algo que é realmente contraditorio… ¿Saberías darllele algunha explicación a isto?

Constant recoñece nun escrito chamado «dez anos despois» as dificultades que se lle presentaron ao intentar imaxinarse ao ciudadano capaz de habitar New Babylon, e asoman os fantasmas da  posibilidade de que o despregue libre dos instintos desate aspectos negativos como a violencia.

Coido que Constant, así como insiste en que New Babylon é soamente unha formalización posible da cidade situacionista e na que a súa propuesta formal é soamente unha ferramenta de axuda para poderes analizar solucións, o que pretendía respecto aos seus habitantes era non prefigurar unha determinada visión dos new babylonianos, aténdose ao principio de que sería un tipo de ciudadano por determinar fronte a unhas novas condicións de contorno.

¿Que tipo de arquitectura imaxinas que se podería aplicar para os/as que hoxe en día se aburren das cidades como antano? ¿Poderiamos chegar a formulármonos, por exemplo, cidades onde as construcións,o tempo de vida útil e a durabilidade destas sexan proporcionais? ¿Podería seres esta unha solución «factible» para chegar a combater o tedio destas?

Creo que a cuestión da capacidade de adaptación e transformación  dos edificios e contornos urbanos xa está presente nalgunhas das propostas máis interesantes da arquitectura actual. Sin embargo, o modelo socioeconómico actual, moi veneullado á adquisición da vivenda como ben de investimento e como garantía económica para o futuro non facilita nin a mobilidade nin a transformabilidade desexables nunha sociedade que evoluciona a un ritmo moicho máis rápido que o que as administracións son capaces siquera de imaxinar.

E por último, a maiores de S, M, L, XL de Rem Koolhass , libro que dispón dun pequeno dicionario onde se fai emprego de técnicas como a colaxe ou o cómic, ¿Poderías recomendarmonos algunha outra referencia para os interesados en indagar algo máis sobre este tema?

A lectura máis indicada para os que lle interese o tema é a das fontes: os escritos da Internacional Situacionista para, a partires de ahí, poder facer unha lectura persoal sobre as influencias, conexións e rastros en definitiva, na obra de creadores contemporáneos.
http://www.sindominio.net/ash/ (arqivo situacionista hispano)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Volver arriba