
Dende o pasado 16 de Xaneiro, podemos gozar de «Teito-Pendentes», unha exposición de móbiles colgantes na que o interiorista e profesor de Aula D, Pedro Román, amósanos unha pequena mostra do seu traballo. Como complemento, tivemos a oportunidade de realizarllele a pequena entrevista que expoñemos a continuación, onde nos desvelou, en primeira persoa, algunhas cuestións en canto á realización, motivación, técnicas empregadas ou proxectos de futuro.
¿Que é o que te motivou para facer este tipo de “elementos”?
Dende sempre chamáronme as cousas que penduran, de facelo dende unha corda xiran primeiro cara a un lado, logo ao outro e así ata que finalmente vanse detendo pouco a pouco. Cando combinamos varios elementos uns a partires doutros, ese movemento pasa a seres permanente polas diferentes tensións en cada tramo do fío do que penduran. É dicir, non acadarán o repouso e xirarán lentos, cadenciosos, eternos e caóticos. Para que os poidamos contemplar. Quizais a razón para facelos fora poder asistir a ese espectáculo.
A parte pictórica da exposición supón a liberación das leis físicas do equilibrio ao tempo que acada as interpretadas ao través dos sentidos.
¿E esta exposición en concreto?
Cando chegas ao final dun proceso creativo e pensas que o círculo xa está pechado, podes facer como mínimo dúas cousas, unha, empaquétalo todo e pasar a outros asuntos que xa tiñas na cabeza, ou ben poñelos a proba, liberándoos no espazo que, en definitiva, é o seu dereito a teres unha vida e a seres contemplados. É dicir, amosalos.
¿Dende cando te dedicas a realizar móbiles?
Unhas cousas lévannos ás outras. Fai catro anos máis ou menos, fixenme cunhas baras de pouco máis dun metro de longo, fabricadas a partires de tiras de bambú, e utiliceinas para construires unha estructura informal e tridimensional, que logo desfixen para realizares un elemento plano cun cordel do que pendurar as baras máis ou menos polo seu centro, compensándoas mediante peciñas de chumbo que facíanas cembar pola súa parte máis estreita e mantíñanas máis ou menos na horizontal ao tempo que adquirían un carácter orgánico e ingrávido. Decateime de que si as afastaba entre elas de xeito que non tropezasen e as liberaba da parede para deixalas xirar libremente no espazo , aquelo era un móbil.
Fai pouco plantexóuseme facer un elemento plano para resolver un paramento estreito e de dous metros e medio de altura. Fixen uns modelos a escala con pauciños de non máis de trinta centímetros de longo sin poderes resistir de novo o impulso de liberalos da parede para que xiraran libremente, aquilo era outro móbil, logo debuxei outro e outro resolvendo as diferentes posibilidades de equilibrio e construínos a pequena escala. Lembreime daquelas baras longas, baixei á floristrería do barrio e merquei ducia e media delas para construílos outra vez a gran escala, de xeito que foran quen de interactuar activamente co seu contorno e adquirisen outro carácter. Se daquela estructura tridimensional non queda nada, o elemento plano para aquela parede estreita ainda está por resolver.
¿Qué materiais empregas? Polo pouco que sei, para facer un móbil, debemos basearnos no “Principio da balanza”… ¿poderías comentar a grandes trazos en que consiste?
Utilizo unicamente as baras de bambú xa antes citadas como elementos a compensar, pequenos chumbos ou grandes arandelas de aceiro como equilibradores e contrapesos, un simple fío como elemento de suspensión que ademais debe soportar o peso do conxunto e tamén peciñas metálicas que fan de roldana nos casos nos que o móbil poida modificarse en canto ás alturas dos diferentes elementos que o compoñen.
Ao facer un móbil ou cando tratamos de equilibrar algo, estamos a seguires as “leis da balanza”, esto xa o saben os nenos cando xogan nun balancín, o de maior peso colócase preto do eixo de xiro que é o punto de apoio, cumplindo aquelo de que unha forza polo seu brazo sexa igual á outra polo seu.
O equilibrio depende desa lei e, permítenos , que os elementos máis pesados colocados dun lado do punto de suspensión contrarresten a outros de maior tamaño e menor peso situados ao outro lado, ou ben xogar coas lonxitudes dos brazos. Dito doutro xeito, a liberdade é total sempre que respectemos as leis da física.
Xa falando en concreto dos “Teitopondentes”, dicir que a inclusión da polea composta permíteme xogar coas alturas de cada un dos elementos do móbil para se adaptares millor às proporcións do espazo no que se dispoña , de xeito que sexa o propio espectador quen xere a forma do conxunto.
A máis dos móbiles que están expostos en Aula D, ¿tes algunha outra “serie”?
Non, nin penso que a faga porque xa teño descubertos os seus segredos, outra cousa é que calquera día faga outro móbil. Como dicía ao principio, unhas cousas levannos a outras ; xa antes daquela estructura tridimensional houbera outras, como exemplo, unha feita cunhas baras de vimbio que topara e que acabouse por chamar “Napilareza”. Estaba adicada a Pilar, en efecto era unha natureza aínda que non queriamos que fose morta. Logo observando as formas das polas das árbores comecei a intuir articulacións esqueléticas e formas antropomórficas que unidas con cordeis, xeraban anatomías moi expresivas ás que irónicamente din o calificativo de estátuas. Quero dicir que todo forma parte dun mesmo percorrido, o que faga máis adiante deberá de seres outra cousa.
