Sesión discontinua : proxecto persoal de fotografía por Nacho Vega Nieva

http://www.flickr.com/photos/adblog/7285308834/in/photostream

Non hai que irse moi lonxe para encontrar edificios abandonados, que ameazan ruína,  en ruína ou que simplemente xa non están. Neste caso, Nacho Vega Nieva, levou a cabo o seu proxecto de fotografía sobre as diferentes salas de cine que frecuentaba na súa Pontevedra natal e que hoxe en día desapareceron case na súa totalidade, lugares con encanto que son maltratados polo tempo.
Expoñemos a continuación a filosofía que compón as 20 imaxes que foron presentadas, onde o autor  fálanos en primeira persoa sobre o porqué de teres realizado a obra sobre esta temática.

Cando comecei a formularme o proxecto persoal de fotografía pareceume importante que fose algo que transmitise unha parte de meu, e da miña vida.
Dicir que o cine é unha parte de meu, non é ningunha novidade, creo que é, ou era, algo que sempre estivo presente na vida de moita xente, en maior ou menor medida, pero para o meu, supoñía un acontecemento, impactábame dun xeito que hoxe en día é difícil que aconteza.Recordo aquelas tardes nas que nervioso, esperaba ir co meu irmán ver unha película, como a imaxinabas unha e outra vez na túa cabeza, e esperabas ansioso a que fose a hora.
Era todo un ritual: comprar a entrada, darlla ao acomodador, e elixir ben a butaca onde querías sentarte, por que non podía ser calquera butaca, nin moi diante nin moi atrás.
Os meus primeiros recordos relacionados co cine están unidos inevitablemente aos cines Malvar, Gonviz e Victoria, os tres grandes teatros de Pontevedra. Do primeiro incluín fotografías por seres un dos que recordo con máis cariño.
Era un cine que para o meu sempre ten estado revestido de certo halo de misterio, recórdoo escuro, sombrío, frio… frios…recordo os olores a humidade, a flocos de millo rancios, as cores granates escuros das butacas e cortinas, a maioría estragadas polo paso do tempo… e a pantalla.
Recordo unha pantalla xigantesca que te envolvía.
Claro está que o recordo así por que eu era moi pequeno. Era unha experiencia que mesturaba medo e fascinación ao mesmo tempo. O medo de quedar ás escuras nunha sala tan enorme, e a excitación de saberes que vas vivir unha aventura.
E claro que a vivías, á saída do cine creiaste Marty Mcfly, Han Solo, ou Indiana Jones grazas á imaxinación que só pode ter un rapaz duns 8 anos.
Recordo moitas anécdotas sobre o cine na miña infancia, que non veñen ao caso, pero unha das premisas deste traballo, era conseguir transmitir a miña paixón por este, e espertar eses recordos cinéfilos na persoa que o vexa.
Cando fun medrando continuei sendo un fanático do cine, pero a experiencia cambiaba, xa non ías cos teus pais, agora ías cos amigos, e interesábache máis botarte unhas risas ou conseguir levarte algunha rapaza, que a película que ías ver.
Cambiou a experiencia pero tamén cambiou a situación dos cines.
Foi algo do que ao principio e malia o que me gustaban esas salas, non era moi consciente, abríronse novas salas de centros comerciais e «oe, que ben, que están todas noviñas e o son sáese», foi o primeiro que pensei cando fun a estas salas, pero remataron converténdose nun letal inimigo para todos aqueles cines-teatros que tanto gozara, eu mesmo vireilles as costas un tempo por que, se poñen a mesma peli nos novos que nos vellos, ¿iremos aos novos non?
Tardei en decatarme de que a situación estaba a cambiar e non había volta atrás, eses grandes teatros non se podían manter, nin competir coas grandes salas dos centros comercias.
Recordo que cando me decatei diso, empezaba xa a botar de menos aquelas sesións ás que ía co meu irmán nestes cines antigos e fixémoslles o nosa particular homenaxe, asistindo sempre que podiamos aínda que o son e a pantalla eran peores, era unha experiencia auténtica.
Sempre recordarei con cariño a última sesión do Gonviz, ás 23:00 espectadores en todo o cine dous: o meu irmán e eu gozando cunha serie Z da boa do amigo John Carpenter.
A primeira parte do meu traballo céntrase nese aspecto, no paso do tempo, no abandono e en certo sentimento de morriña por aquelas sesións. Preténdese transportar a quen as vexa a eses lugares abandonados, que un día foron grandes, mediante un pequeno paseo polos mesmos nos que se intenta que quen toma a fotografía non estea presente senón que a persoa
que as ve síntase mergullado neles. Ponse de manifesto esta perda dun xeito explícita, mediante o estado ruinoso deses lugares, pero tamén de xeito máis implícito,  naquelas fotografías nas que é evidente que algo falta, algo que formaba parte dese lugar.
Non é a miña intención facer un traballo centrado nas ruínas e a decadencia das salas cine senón máis ben unha pequena homenaxe a ese mundo, mostrando ademais a outra cara da moeda, un contraste positivo, mediante as únicas salas que quedan en Vigo fose do que se consideran salas de centro comercial, os multicines Norte.
Esta parte do traballo ten especial importancia para o meu xa que supoñen un lugar para gozar do cine lonxe das grandes salas comerciais, aínda que se ben son multicines, manteñen certo estilo tradicional, como se pode observar nas imaxes dos proxectores e apostaron por un cine de calidade.

Para ver tódalas imaxes deste proxecto, véxase:
http://www.flickr.com/photos/adblog/sets/72157629930916128/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Volver arriba