DESEÑO EDITORIAL

TITULACIÓN PROPIA

170 horas

CURSO 16/17

OUTUBRO - MARZO

Introdución

Esta titulación céntrase en establecer unha visión ampla do proceso de elaboración dun proxecto de deseño editorial, atendendo tanto aos aspectos puramente formais como aqueles de carácter máis técnico. Dende o análise das partes que compoñen unha publicación ata a creación dunha retícula base, páxinas mestras, estilos de composición e o uso axeitado da tipografía, procederase á súa aplicación práctica mediante o programa de maquetación Adobe InDesign.

O obxectivo final pasa por dotar aos alumnos de tódolos coñecementos necesarios para definir un proxecto de deseño editorial coherente, estéticamente correcto e aplicable a diferentes tipos de publicacións como libros, periódicos, revistas, catálogos, etc.

Estrutura da titulación

O curso divídese en dúas partes: CIDE e módulo específico.

CIDE

36 horas

MÓDULO ESPECÍFICO

134 horas

O CIDE introduce ao alumnado nos coñecementos fundamentais da disciplina do deseño, necesarios para desenvolver posteriormente o módulo específico onde se profundiza neses aspectos e se incorporan outros propios xa do ámbito editorial.

Contidos

CIDE

  • Arte e cultura contemporánea
  • Teoría da forma
  • Creatividade, metodoloxía e comunicación
  • Taller de Expresión Plástica
  • Medios informáticos (Adobe Illustrator)
  • Proxectos

Consultar a programación completa do CIDE

MÓDULO ESPECÍFICO

BLOQUE 1: TEORÍA

Neste bloque teórico abordaranse aqueles contidos relacionados directamente co deseño editorial e o uso da letra nas publicacións (Tipografía, Maquetación, Historia do libro) así como outros que complementan os coñecementos dende unha perspectiva máis ampla (Cultura do deseño gráfico).

Tipografía: Historia da tipografía. Morfoloxía dos caracteres. Tipoloxías. Tipometría.

Maquetación: Partes da publicación. Estrutura da páxina. Construción da retícula base. Xerarquía e contidos. Disposición e estética tipográfica. Estudo de casos.

Historia do libro: Evolución dos soportes editoriais.

Cultura do deseño gráfico: Ámbitos de aplicación. Arte e deseño. Deseño e publicidade. Estudo de casos.

BLOQUE 2: PROXECTOS

A través da realización de tres proxectos como son o deseño dun libro, dun catálogo, e dunha revista, aplicaranse de forma práctica os coñecementos adquiridos nas outras materias do curso. Igualmente o alumnado aprenderá a utilizar as ferramentas informáticas propias deste ámbito (Medios Informáticos: Photoshop e InDesign) así como a coñecer materiais e preparar o proxecto para a súa reprodución na imprenta (Técnicas Gráficas, Encuadernación).

Proxecto: Deseño dun libro. Deseño dun catálogo. Deseño dunha revista.

Medios informáticos: Adobe Photoshop. Adobe InDesign

Técnicas gráficas: Sistemas de impresión. Materiais. Arte final. Sistemas de encadernación.

BLOQUE 3: PRODUCIÓN E AUTOEDICIÓN

Esta parte do curso céntrase no proceso de produción, a relación con editoriais, proveedores e imprentas e os aspectos económicos e legais implicados no desenvolvemento dun proxecto de deseño editorial. Asemade, realizaranse diferentes visitas a imprentas e editoriais coa finalidade de coñecer en primeira persoa o ámbito profesional.

Metodoloxía

A titulación baséase fundamentalmente en aplicar os coñecementos teóricos e técnicos adquiridos no curso nos proxectos e exercicios que se levarán a cabo durante o mesmo. Igualmente darase especial importancia ao proceso de traballo e a establecer os criterios conceptuais e metodolóxicos axeitados para cada caso.

O desenvolvemento dos contidos está pensado para optimizar a aprendizaxe de cara a un futuro exercicio profesional.

O obxectivo é que, finalizado o curso o alumnado estea preparado para realizar por completo un proxecto profesional e de calidade.

Perfil do alumnado e requisitos de acceso

Esta titulación está dirixida a persoas interesadas no deseño e que desexen obter unha formación específica no ámbito do deseño editorial.

Para cursar a titulación completa (CIDE + módulo específico) non se requiren coñecementos previos. Para aqueles alumnos que xa teñan unha formación previa en deseño (arquitectos, interioristas, publicistas, deseñadores gráficos, industriais, …) ou polo seu desenvolvemento profesional vencellado a ese ámbito, non será preciso realizar o CIDE.

HORARIO

CIDE (36 horas lectivas)

Módulo específico (134 horas lectivas)

TÍTULO

Ao rematar o curso (requírese unha asistencia mínima dun 80% das clases) Aula D expedirá o título correspondente que certifica a especialidade e o número total de horas cursadas.

PRAZAS

O número máximo de prazas é de 15.

PREINSCRICIÓN E RESERVA DE PRAZA

Xa que o número de prazas é limitado recoméndase facer unha preinscrición. Esta preinscrición ten un custo de 50€ e permite reservar a praza antes de formalizar a matrícula, da que posteriormente se descontará este importe. As solicitudes atenderanse por estricta orde de chegada.

TAXAS ACADÉMICAS E MATRICULACIÓN

O importe do curso completo (CIDE + módulo específico) é de 1.500 €, a pagar en mensualidades de 250 €. De non precisar o CIDE o custo é de 1.250 € (no caso de realizar o pagamento completo ao principio do curso descontarase unha mensualidade do prezo total)

A matrícula queda formalizada co abono do total da taxas ou da primeira mensualidade, ben na propia escola (r/ Ourense, 4 – baixo, Vigo) ou ben mediante transferencia bancaria (conta nº ES79 2080 5085 73 3040026857).

Descontos dispoñibles para: exalumnado da escola, socios da DAG, socios da AGPI e persoas en situación de desemprego.
Máis información en: cursos@aulad.com

Se desexas estar informado/a das novidades e actualizacións neste ou noutros cursos achéganos aquí o teu nome e un enderezo de correo electrónico. Só enviaremosche información sobre os cursos cando estean dispoñibles e sempre que o desexes podes cancelar a túa suscrición enviándonos unha mensaxe.