PARTICIPACIÓN

> O PRAZO PARA A INSCRICIÓN REMATA O DÍA 7 DE XULLO

DOCUMENTOS

> DESCARGAR BASES DO CONCURSO (.pdf)

BASES

Presentación
Aula D, Escola de Deseño convoca a súa V Bolsa de Estudos en Deseño.

Concederase unha bolsa de estudos consistente na realización sen custo do primeiro ano nun dos ciclos oficiais impartidos no centro: Comunicación Gráfica e Audiovisual (Técnico Superior en Gráfica Publicitaria) ou Deseño de Interiores (Técnico Superior en Proxectos e Dirección de Obras de Decoración), valorado en máis de 4.000 €.

Participantes
Aquelas persoas que opten á bolsa de estudos deberán cumprir os requisitos de acceso aos ciclos formativos de grao superior, quedando excluídas as que xa teñan recibido calquera tipo de formación académica, total ou parcial, nos ciclos formativos que se imparten na escola así como familiares do equipo docente ou do xurado.

Debido aos prazos establecidos pola Xunta de Galicia (que no momento da redacción destas bases aínda non están publicados) e aos requisitos necesarios para acceder a estes estudos mediante proba de acceso, recoméndase a tódolos/as participantes que se poñan en contacto coa escola antes do 19 de xuño no teléfono 986 214 076 onde se informará dos pasos a seguir para que, no caso de resultar gañador/a, non haxa impedimentos administrativos no momento de formalizar a matrícula oficial. A escola, en todo caso, informará aos participantes dos pasos necesarios para garantir o acceso a estes estudos.

Obxectivo
Cúmprense 30 anos dende que a escola comezou a súa actividade aló polo ano 1987; durante este tempo tivemos a oportunidade de formar a numerosos alumnos e alumnas, de organizar exposicións, charlas, de colaborar con profesionais, de disfrutar cada día do Deseño, da Arte, da Arquitectura, da Fotografía… Seguimos adiante, coa mesma ilusión, alimentada por todo isto que tanto nos inspira, e tamén con novos e importantes proxectos á vista que desenvolveremos durante o vindeiro curso.

Para participar deberás enviar unha imaxe orixinal que fale do paso do tempo, do pasado e do futuro, que nos amoses aquelo que te motiva a través da creatividade. O importante é que a túa idea sexa orixinal, fuxindo dos tópicos e aportando algo novo, ben polo concepto, pola formalización ou por ámbalas dúas cousas.

A luz, os materiais, a cor, o volume, os usos, as persoas, os lugares, o significado… pensa nestas e outras cousas para cambialas, darlles a volta, ou traballar con elas. Tes liberdade para utilizar calquera técnica, material ou elemento, que pola súa forma, concepto ou contexto, aporte significado á túa idea.”

Inscrición e presentación das propostas
Cada participante poderá enviar un máximo de dúas propostas. Para participar deberase cumprimentar o formulario de inscrición publicado na páxina web do centro e recibir confirmación. Acompañarase unha breve descrición da idea, proceso de creación ou calquera texto que axude a explicar a proposta.

Calendario
Inscrición e envío da propostas: como máximo ata o 7 de xullo ás 14:00h.
Non se aceptarán propostas enviadas fora do prazo.

Fallo do xurado: 12 de xullo, día no que faranse públicos os gañadores/as.

Xurado
O xurado estará composto por membros do equipo directivo e docente da escola.
Na valoración das candidaturas terase especialmente en conta a orixinalidade da proposta, a capacidade de comunicación e a calidade plástica e conceptual.
Premios
O xurado outorgará un único premio, consistente nunha bolsa de estudos para un dos ciclos formativos de titulación oficial impartidos no centro, así como dous accésit consistentes na realización dun dos cursos de titulación propia ou monográficos que se impartirán no centro no vindeiro curso académico 2017-2018.

Condicións
O xurado resérvase o dereito a deixar deserto calquera dos premios no caso de considerar que non haxa calidade suficiente nas propostas presentadas ou un número suficiente de participantes (10).
O fallo do xurado é inapelable.

A autoría da proposta presentada deberá ser do participante; poderanse requirir os orixinais ou calquera documento que o xurado considere necesario para verificar este feito.
No caso de demostrarse que a proposta presentada non é orixinal o participante quedará excluído do concurso. Se tal feito quedase demostrado unha vez fallado o concurso, e de resultar premiado/a, a bolsa de estudos será retirada; en tal caso o xurado terá potestade para considerar outorgar o premio a outro/a participante.

Quedarán descualificadas aquelas propostas que inclúan mensaxes que atenten contra a dignidade de persoas ou colectivos.

Os premios non serán reembolsables en efectivo. O gañador/a, se así o desexara, poderá trocar a bolsa de estudos por unha invitación de asistencia gratuíta aos cursos monográficos que se impartirán ao longo do vindeiro curso académico no centro.

A participación no concurso implica o coñecemento e aceptación expresa das presentes bases, non habendo posibilidade de reclamación por motivos alleos ás mesmas e supeditando calquera outra consideración derivada da súa interpretación á decisión do centro Aula D.

Compromisos do bolseiro/a
Para gozar deste premio o bolseiro/a deberá contar co seguinte:

A renuncia a comezar o curso en setembro de 2017 implica a perda da bolsa.

O perceptor/a da bolsa deberá respectar as normas de convivencia e funcionamento interno de Aula D igualmente adquire o compromiso de asistir ás clases diariamente e facer un aproveitamento axeitado das mesmas.

O bolseiro/a adicará cinco horas semanais a colaborar coa escola Aula D en proxectos de investigación, comunicación, difusión do deseño ou actividades afíns a estes temas, os que serán propostos pola escola. Estas horas non poderán coincidir co horario das clases ás que deba asistir.

O incumprimento das obrigas anteriormente mencionadas será motivo da perda da bolsa de estudos.

Datos persoais e cesión de dereitos
Os participantes ceden temporalmente, por un período de 15 meses, os dereitos de reprodución das propostas presentadas para ser expostas, usadas ou difundidas en calquera contexto relacionado exclusivamente coa escola e a súa actividade (informativa, educativa ou promocional). Se hai un número suficiente de participantes realizarase unha exposición dos traballos presentados e un vídeo recompilatorio dos mesmos. Informarase destas actividades a público e participantes mediante as redes sociais da escola.

En ningún caso as propostas serán cedidas a terceiras persoas sen o consentimento previo dos autores.

Consonte co establecido na Lei Orgánica 25/1999 do 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, informamos aos participantes da incorporación dos seus datos persoais, facilitados voluntariamente, a un ficheiro automatizado do que é responsable Aula D coa finalidade de ofrecer información referida ás actividades que se realizan na escola. En ningún caso estes datos serán cedidos a terceiras persoas. Quedan asemade informados do dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición que lles asiste e que poderán exercitar por escrito, ben no enderezo postal da rúa Ourense 4, Vigo, 36211, ben a través do enderezo electrónico info@aulad.com.

Estas bases son correctas agás erro tipográfico.

Aula D, escola de deseño
31 de maio de 2017