Estás vendo entradas que conteen a etiqueta "cine"

O vindeiro luns 30 de outubro ás 12:00 horas, a directora de arte viguesa Marta Villar impartirá en AULA D unha conferencia, con entrada libre, na que fará unha viaxe pola súa traxectoria profesional como directora de arte, achegándonos ao mesmo tempo ao coñecemento da práctica profesional, tanto no cine como no teatro ou na televisión.

Marta Villar recibiu no ano 2017 o premio de honra Fernando Rey por decisión da Academia Galega do Audiovisual (AGA), no transcurso da gala dos Premios Mestre Mateo, polos moitos anos de traballo e a impecable traxectoria profesional como parte substancial do audiovisual galego.

O seu primeiro traballo no mundo do audiovisual foi no cine da man de Chano Piñeiro para quen, en 1986, fixo os decorados da curtametraxe Esperanza. Dous anos despois, ainda como integrante de ESTU 2, realizou o seu primeiro traballo para televisión, o decorado do programa Vivir Aquí, da TVG,  en 1994 os decorados da serie Pratos combinados.

Para TVG ten deseñado os platós de series como Rías Baixas, Fíos, Os Atlánticos, Avenida América ou A Casa de 1906 e de programas que están actualmente na grella da TVG como A Revista ou Zig Zag, asemade de diversos programas especiais das noites electorais. Tamén son creacións súas os decorados de TV movies como Entre Bateas ou Salgadura (polos que obtivo senllos premios Mestre Mateo), Pataghorobí ou Biblioteca da Iguana.

No ámbito do cine foi directora de arte de películas como Heroína, Agallas, Los muertos van deprisa, A Praia dos afogados ou, recentemente, Migas de Pan.

O seu traballo como deseñadora de interiores, foi tamén moi intenso, dende a segunda metade dos anos 80, como compoñente de ESTU 2, con obras tan decisivas como O Cerne da Deboura, O Malecón, Niu Port ou Pés Calzados, entre outras.

Set your Twitter account name in your settings to use the TwitterBar Section.