Exposición de traballos do ciclo de Gráfica Publicitaria

IMG_20151014_200734

Ata o 3 de novembro pódese visitar no espazo polivalente da escola unha escolma dos traballos realizados polo alumnado de 1º e 2º curso nos módulos de Linguaxe e Tecnoloxía Audiovisual e Fotografía do Ciclo Superior de Gráfica Publicitaria.

En base aos exercicios propostos durante o curso os alumnos e alumnas desenvolveron os seus proxectos dando como resultado traballos nos que a creatividade e a excelente realización técnica van da man dando lugar a imaxes sorprendentes, espazos oníricos, reflexións estéticas,  novas perspectivas, doses de humor e, en definitiva, a un suxerente percorrido por outras visións dende as que o espectador remata por descubrir unha ventá aberta á súa propia imaxinación.

_______

A entrada é libre e gratuita, nos horarios de apertura da escola.

Aula D, escola de deseñoRúa Ourense 4 (praza interior), -Vigo

Autorretratos cubistas

O cubismo foi un movemento artístico de vangarda iniciado xa hai máis de 100 anos. Entre outras cousas, o cubismo intentaba introducir nas artes plásticas a cuarta dimensión, é dicir, o tempo. Esto era posible mediante a visión de perspectivas simultáneas e consecutivas do obxecto.

O grupo de primeiro de Gráfica Publicitaria ensaia estes días  a técnica cubista coas súas propias facianas.

A*Sombra Produccións. Alfonso Vázquez Cortizo

O pasado 20 de novembro tivemos o pracer de compartirmos con Alfonso Vázquez Cortizo, realizador e produtor xunto con Javier Álvarez en A*Sombra produccións, a súa visión persoal e profesional do eido audiovisual en Galicia.

Dende unha dilatada experiencia, ben como profesional para diferentes medios (TVG, Localia, Faro Producciones ou V Televisión, entre outros), ben na súa faceta de produtor independente, Alfonso expuxo a través de diferentes traballos  todos aqueles aspectos involucrados na realización dun proxecto audiovisual: dende o anteproxecto, o financiamento, os aspectos técnicos, ou o traballo en equipo ata a relación co cliente e o produto final.

O recoñecemento ao seu traballo viu dado a través do Premio Mestre Mateo ao mellor documental no ano 2012 por 100% CEF, unha produción sobre o escritor Celso Emilio Ferreiro dirixido por Aser Álvarez.

Cómpre destacar tamén o seu compromiso cos novos creadores do audiovisual en Galicia, algo que se pon de manifesto en proxectos como o festival de curtametraxes Curtopía, do que é organizador dende a súa primeira edición no ano 2010.

Trala charla os nosos bolseiros Sarah e Marcos tiveron a oportunidade de facerlle a Alfonso algunhas preguntas que compartimos convosco:

Como naceu A*Sombra?

A*Sombra xurdiu a partires dunha serie de experiencias negativas que se deron traballando por conta allea. Non se valoraba a creatividade; houbo un momento no que tiñamos o coñecemento necesario para crear cousas e a posibilidade de prescindir dun xefe que te limitara á hora de traballar.

Comezaron a perdírmonos traballos, e así o noso primeiro paso foi o documental «Gándaras de Budiño«(encargo de Xián Nieto), sendo iste o xeito de abrirmonos os ollos e botar para diante.

De que xeito afectou o premio Mestre Mateo ao voso traballo?

Sobre todo no recoñecemento público dun traballo ben feito. A xente que traballa connosco valóranos. Asemade, ter un premio destas características no currículum tamén resulta de axuda á hora de pedir subvencións ou bolsas.

Como foi o proxecto ‘Galicia Connection’?

O proxecto «Galicia Connection» foi moi intersante. Tratouse dun programa de televisión cun formato moi novidoso emitido nunha canle moi nova; foi un reto chulísimo que nos aportou unha visión moi enriquecedora xa que poidemos coñecer a case 100 persoas extranxeiras que vían Galicia dende outra perspectiva.

Fálanos da túa vindeira longametraxe.

Para a longametraxe ‘Contrafaces’ conseguín unha subvención de talento de Agadic. Trátase dun híbrido entre documental e ficción  ao tempo un proxecto sobre os idiomas e a identidade individual e colectiva no que aparecerán diversas linguas como o galego, o islandés, o inglés e mesmo un idioma ficticio.

XXI Concurso de Fotografía Xurxo Lobato

Vense de publicar a convocatoria do XXI Concurso de Fotografía Xurxo Lobato, organizado pola Asociación de exalumnos do I.E.S. Monelos.  Nesta convocatoria concederanse tres premios, varios accésit a criterio do xurado e unha bolsa para a produción dun proxecto fotográfico. O xurado estará formado por un representante da asociación, outro representante do Instituto Monelos e tres profesionais ou estudosos da fotografía.

O prazo para presentar os traballos remata o 10 de marzo de 2015 e poderanse presentar tódolos alumnos/as que cursen estudos de educación secundaria, bacharelato, formación profesional ou ensinanzas artísticas en Galicia, cun límite de idade de 21 anos.

Podedes ampliar información sobre o concurso na súa páxina de facebook.

Abrir publicación

Exposición de traballos do 10º Concurso de Fotografía Xurxo Lobato

Dende o día 7 deste mes e ata o vindeiro 5 de decembro estará aberta ao público a exposición dos traballos premiados no 10º Concurso de Fotografía Xurxo Lobato. Este certame, xa consolidado, abre unha porta aos estudantes galegos para dar mostra das súas capacidades creativas, expresivas e técnicas a través da disciplina fotográfica.

A exposición estará aberta ao público no espazo polivalente de Aula D (Rúa Ourense 4) de luns a venres entre as 09:00 e as 15:00 e de martes a xoves tamén en horario de tarde entre as 16:30 e as 21:00.

Premios Concurso de Fotografía Xurxo Lobato 2014

 

Na 10º edición do Concurso de Fotografía Xurxo Lobato presentáronse máis de 684 fotografías por case 300 estudantes de toda Galicia. O xurado, presidido por Xurxo Lobato e formado por Isabel Romero, profesora IES Imaxe e Son; Anton Orosa, secretraio IES Monelos; Pablo Mella, arquitecto e fotógrafo; Xose Díaz, secretario da Fundacion Luis Seoane; Tino Fraga, director do Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega e, como secretario do Xurado, Blas Rodríguez, expresou a súa satisfacción pola mellora continua da calidade dos traballos presentados e o mantemento con respecto a edicións anteriores.

Dende Aula D queremos expresar igualmente a nosa satisfacción e dar os nosos parabéns á organización do concurso pola súa dedicación por promover a creatividade no ámbito da Fotografía entre a mocidade galega, así como a tódolos participantes e premiados.

Do mesmo xeito, queremos felicitar moi especialmente ós nosos alumnos Nerea Paños Boente e Diego Orge Vázquez que resultaron galardonados con cadanseu accésit na presente edición por dous excelentes traballos, así como aos finalistas Antía Méndez Conde-Pumpido, Fátima Comedeiro Darrosa, Ismael Estévez Carneiro e Ana Belén Pérez Castro, seguindo así todos eles a traxectoria de anos anteriores nos que outros alumnos desta escola obtiveron recoñecemento nestes premios (20132012).

Por último, tamén nos gustaría agradecer ao periódico dixital Mundiario o estupendo artigo que lle dedican á foto titulada Sometida de Nerea. Podedes botarlle un ollo neste enlace: Sometida, una foto impactante de una estudiante de diseño: Nerea Paños Boente.

 

 

Presentación do Proxecto Edición

O vindeiro mércores 26 de febreiro ás 12:00 terá lugar en Aula D a presentación do 1º Proxecto Edición a cargo de Copias de autor . No interese polo feito fotográfico en todos os seus aspectos, Copias de autor ven de convocar por vez primeira o seu proxecto edición. É unha convocatoria aberta a todo o mundo que teña algo que dicir con imaxes e que cumpra as seguintes condicións: os autores, sen límite de idade, teñen que ser galegos ou ben o seu traballo este vencellado con Galicia. Esta convocatoria é un intento de facer públicos os traballos fotográficos persoais, de autor, que dificilmente atopan acubillo nas publicacións cotiáns. Os traballos poden estar rematados ou en fase de realización. Publicaranse dúas obras, estando reservada unha delas para estudantes.

Data e hora: mércores 26 de febreiro ás 12:00
Lugar: Aula D, escola de deseño. Rúa Ourense 4, Vigo

A entrada é libre e gratuita para tódolos interesados.

Que é Copias?
Copias de autor é un lugar no que desenvolver proxectos arredor da fotografía. Permítenos falar de imaxes con intensidade  e resolver, con profesionalidade e agarimo, todas as nosas inquietudes con relación á forma que terá a nosa obra, dende a impresión, pasando pola edición ata o acabado final.

 

10º Concurso de Fotografía Xurxo Lobato

O vindeiro 9 de marzo remata o prazo para a presentación de traballos na décima edición do Concurso de Fotografía Xurxo Lobato, organizado pola Asociación de exalumnos do I.E.S. Monelos.  Nesta convocatoria concederanse tres premios así como varios accésit a criterio do xurado formado por un representante da asociación e tres profesionais ou estudiosos da fotografía.

Cómpre destacar a traxectoria  desta iniciativa onde a calidade dos proxectos presentados mellora ano tras ano, poñendo en valor a Fotografía como medio de expresión artística e dando a coñecer esta disciplina entre a mocidade galega.

Tamén queremos lembrar o traballo Simbiosis, realizado pola nosa alumna Sandra González Villanueva, e gañadora da anterior edición, esperando que sirva de estímulo para que este ano poidamos ver un bo número propostas igual de interesantes.

Podedes ampliar información sobre o concurso na súa páxina de facebook e consultar as bases neste vínculo.

Visita á exposición LABUELA PETRA residencia artística.

O pasado mes de setembro un grupo de profesores e alumnos de Aula D démonos cita na Alameda de Bouzas, na cidade de Vigo, para visitar a exposición LABUELA PETRA, residencia artística.

A exposición realizouse  intervindo o interior dunha casa familiar de dous andares: un total de catro cuartos onde cada un dos autores presentou o seu traballo ás máis de sesenta persoas que alí nos reunimos para sermos espectadores privilexiados desta inusual e suxerente proposta. Seguir leyendo «Visita á exposición LABUELA PETRA residencia artística.»

Navegación de entradas

1 2 3 4 5
Volver arriba