Visita a Oporto

O pasado 21 de abril o alumnado do ciclo de Deseño de Interiores visitou algúns dos edificios máis interesantes da arquitectura moderna de Oporto e arredores.

Comezamos cunha visita á Casa da Música, obra surxida dun concurso internacional gañado polo estudio do arquitecto holandés Rem Koolhaas. O modelo de xestión de esta instalación pública é envidiable, xa que pretende a democratización da música en todalas súas variantes. O edificio é espectacular, destacando a gran sala de concertos, con todo o resto de espazos volcados a ela.

A continuación centrámonos na figura do grande arquitecto portugués Álvaro Siza, que tanta influencia tivo e segue a ter nos deseñadores galegos. Visitamos obras onde se fusionan as ideas racionalistas coas intencións organicistas de implantación no contorno. A ruta comezou coa Facultade de Arquitectura e a Fundación Serralves, en cuxa terraza asollada comimos. Xa pola tarde pasamos polas súas primeiras piscinas, feitas na Quinta da Conceição, continuando coas Piscinas das Mares en Leça da Palmeira. Para rematar, o atardecer na Casa de Chá de Boa Nova.

Queremos agradecer especialmente a Lorena Figueirido pola organización desta xornada e tamén polas súas fotografías.

SER ES CREAR, exposición de Vanesa Álvarez Díaz

vanesa-alvarez

O vindeiro venres día 12 ás 19:30h. inaugúrase na galería SOHO (Praza de Compostela 8, Vigo) a exposición Ser es crear, da artista gráfica, deseñadora, e exalumna de Aula D, Vanesa Álvarez Díaz.

Arte e poesía sempre tiveron unha marca palpable nos deseños desta artista gráfica que participou en exposicións de xoiería (premios GZ Crea), fotografía (Casa das Mulleres) na performance «Xardín Segredo» no M.A.R.C.O. (en colaboración con La Canalla) ou en colectivas de cartelismo «Plantemos cara ás armas» no VERBUM.

Nesta exposición, composta por 22 pezas, preséntanos unha retrospectiva das mellores ilustracións de carteis de La Fiesta de los Maniquíes (Cocktail & Music Club en Vigo, centro de lecer e motor cultural vigués dende 2010, e que dirixe co seu compañeiro, o poeta Marcos de la Fuente).

No seu imaxinario adivíñanse viaxes polo mundo, cunha proposta moi icónica que dota de vida corpos, xeometrías e estruturas posmodernistas, coa natureza como axente inspirador. O encontro entre o salvaxe e o urbán desemboca nun paseo a polo universo dos soños que se vai descifrando a través unha visión optimista do mundo que nos rodea.

O feminino reflíctese no seu traballo como unha forza visionaria, con ecos de Barbara Kruger, Cindy Sherman ou Marina Abramovic, reivindicando a figura da muller loitadora e sofisticada. A pasarela de moda, a Bauhaus, Win Wenders, Joseph Beuys, Nam June Paik ou Banksy son algunhas das súas influencias directas.

Esta exposición é tamén unha reivindicación da figura do artista gráfico nas galerías de arte, sexa como un creador directo ou xerador de conceptos artísticos. A creación como principio vital. A creación como fonte de vida ou cando crear é dar existencia á propia obra e a un mesmo.

Cose unha Casa / Habita unha prenda II

O venres 18 rematamos o traballo conxunto deste ano, que consistiu na interpretación libre sobre a proposta de La Canalla de Cose unha Casa / Habita unha prenda. O alumnado dos ciclos de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores dividíronse por grupos de 5 persoas para facer unha proposta creativa e reflexiva no ámbito do téxtil. Para elo contaban cunha zona da escola para cada grupo onde desenvolver o seu traballo e tamén, si fora o caso, intervir no espazo. Asemade, outro grupo encargouse de facer un vídeo e unha serie de fotos para testemuñar o evento.

Dende Aula D queremos agradecer a Patri e a Fran a súa xenerosidade e sapiencia á hora de suxerir e comentar os traballos realizados. Por outra banda, queremos felicitar o esforzo e dedicación por parte do alumnado. E para rematar, festa de nadal.

 

 

Cose unha Casa / Habita unha prenda

Como ven sendo costume en Aula D, as dúas últimas semanas lectivas do ano adicámolas ao traballo conxunto. Un proxecto no que todo o alumnado da escola, tanto de deseño gráfico como de interiores, ten a oportunidade de traballar en grupos desenvolvendo un proxecto fora da rutina académica, onde prevalece a imaxinación e a creatividade máis aló do propio deseño.

Despois da grata experiencia do ano pasado Islas, náufragos invisibles , coa participación do fotógrafo Miguel Núñez e o poeta Julián Rodríguez, este ano temos a colaboración de La Canalla, que nos propón o tema Cose unha Casa / Habita unha prenda, que realizaremos do 9 ao 18 de decembro.

la canalla

O traballo comeza o mércores 9 ás 10.00h cunha presentación de La Canalla sobre a súa traxectoria artística e unha proposta de actividade para reflexionar e experimentar o mundo téxtil.

Coser = Construir

Habitar = Doutar de identidade

Visita ao Museo Anfaco

O alumnado de Deseño Gráfico de Aula D visitou o xoves 26 de novembro o Museo Anfaco. A Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Pescados y Mariscos está adicada a dar soporte técnico, formativo e divulgativo ás empresas do sector conserveiro, e ten as súas instalacións no Campus Universitario de Vigo. A industria conserveira estivo ligada á evolución e o desenvolvemento da cidade de Vigo dende a súa orixe, tanto no ámbito económico como no social e cultural.

O Museo fai un percorrido polos inicios e a consolidación do sector das conservas de peixes e mariscos a través de obxectos tales como documentos, maquinaria, fotografías, … e interesantísimas mostras de pedras litográficas, latas, estuchados, ilustracións e distintos soportes publicitarios. Tamén podemos descubrir unha pequena parte da obra do vigués Federico Ribas, un dos máis grandes ilustradores da primeira metade do século XX.

Exposición de pinturas de Ana Termes Lis

A artista viguesa Ana Termes Lis é Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla. As súas pinturas viaxan a lugares como Sevilla, Cádiz, Santiago de Compostela, Ourense, Córdoba, Portugal ou Dublín.

Compaxina a súa actividade artística coa docencia. A pintora galega presenta as súas obras o venres 6 de novembro ás 20.30h na Escola de Deseño Aula D (rúa Ourense, 4 – VIGO) onde permanecerán ata o día 4 de decembro, o horario da sala é polas mañás de 10:00h até as 14:00h e polas tardes de 16:30 até as 21:00H.

exposición de pintura

A exposición conta cunha serie de pinturas e debuxos realizados en diferentes formatos e técnicas (óleo, acrílico, acuarela, lapis, …) todas elas rodeadas por un inquedante e misterioso «déjà vu».

Islas, náufragos invisibles. Proxecto conxunto 2014

 

20141218_103

Durante o pasado mes de decembro levouse a cabo na escola un proxecto colaborativo entre o alumnado da escola e o fotógrafo Miguel Núñez no que seis grupos de traballo, formados por alumnos/as dos ciclos de Gráfica Publicitaria e Deseño de Interiores, reflexionaron sobre os diferentes conceptos implícitos na obra fotográfica de Miguel, Islas, náufragos invisibles, interpretándoa e aportado puntos de vista distintos dende a multidisciplinaridade que permite a integración de medios audiovisuais, gráficos e construtivos nun espazo determinado.

Seguir leyendo «Islas, náufragos invisibles. Proxecto conxunto 2014»

Aula D asiste á inauguración da exposición TRANS – FORMA no Espazo Sirvent

O pasado xoves 25 de setembro o alumnado de AULA D asisteu no Espacio Sirvent á exposición «Objetos – Iconos TRANS – FORMA»  na que colaboran ZANOTTA, empresa protagonista da historia do deseño italiano e a FABRICA, Laboratorio Internacional de Investigación do Grupo BENETTON, na que 17 pezas históricas convertidas xa en clásicos do deseño, foron reinterpretadas  libremente e de forma contemporánea.

No acto de apertura o director da Fundación Luis Seoane David Barro introduciunos na interrelación que existe entre disciplinas tan próximas como o Deseño e a Arte coa conferencia «Arte, Diseño y otras gaitas».

Celebración do 2º aniversario da revista CROA

O vindeiro venres 25 de abril terá lugar na escola (rúa Ourense, 4) a celebración do 2º aniversario da revista de divulgación cultural CROA MAGAZINE.

O evento comezará ás 19.00 horas cunha rolda de charlas-coloquio co tema “CREATIVIDADE vs PRODUCTIVIDADE” contando para elo coa voz e a experiencia de:

MARCOS DOPICO. Profesor de deseño e presidente da DAG (Deseñadores Asociados Galegos)

RAFA CAMESELLE. Deseñador de moda cuxa colección vimos na última edición da Pasarela Cibeles.

JANITE. Reporteiro cultural, Fotógrafo omnipresente en Vigo.

 

Tras escoitar as experiencias e dialogar con estes tres profesionais seguiremos con:

EXPOSICIÓN DE PORTADAS. Poderemos ver as 46 propostas do Concurso de portadas II aniversario que organizamos entre Febreiro e Marzo para dar portada a CROA23. 45 de estas 46 obras se manterán en segredo hasta este día!

PROXECCIÓN 2 ANOS DE CROA. Todos e cada un dos creativos que tiveron oco nas nosas páxinas ó longo destes dous anos estarán presentes no noso evento.

CROA ENTRE LIÑAS. Popurrí de obxetos representativos que teñen formado parte da historia de CROA. O noso álbum de lembranzas máis personal.

p::a. O deseñador e ilustrador Pobreartista decántase pola música, e baixo o pseudónimo p::a  amenizará a velada cunha estupenda selección. DJ & música ambiente.

E… como non podía faltar…

¡BEBIDA E PISCOLABIS!
Esperámosvos !!

Aula D, escola de deseño

Obradoiro de verán para nen@s

A partires do 23 de xuño Aula D. Escola de Deseño organiza un obradoiro de arte e deseño para nen@s de 6 a 12 anos, nas nosas instalacions da rúa Ourense, 4 – baixo VIGO (ó carón da Casa da Xuventude). Somos unha Escola de Deseño e queremos ensinar aos rapaces aquelo que sabemos facer: construir e crear.

Cada día faremos unha actividade creativa diferente, comezando cunha introducción teórica, un proceso mental de deseño e rematando cun traballo manual que os rapaces levarán a casa. Alternaremos propostas que teñen que ver coa arte, a arquitectura, o cinema, a música, a pintura, o teatro, a fotografía … e moitas cousas máis. Podes ollar moitas destas actividades feitas o ano pasado neste blog (entradas de xuño, xullo e agosto de 2013).

 

Profesorado principal
Diego Fernández Pérez, Licenciado en Belas Artes. Xerardo Pérez Medrano, Arquitecto.
Pedro Román Company, Deseñador de interiores. Manuel Barreiro Chao, Deseñador de Interiores.
Todos eles desenvolven o seu labor profesional como deseñadores e profesores en Aula D. Escola de Deseño. Asemade haberá colaboracións de outros profesionais.

Horario
Do 23 de xuño ao 1 de agosto, de luns a venres, en horario de 10.00h á 14.00h

Prezo
8 euros por día (10% menos por cada irmán). Material incluido.
A abonar en man na propia escola (r/ Ourense, 4 – baixo VIGO) ou mediante transferencia bancaria (conta nº ES79 2080 5085 73 3040026857). Contacta en cursos@aulad.com

 

Navegación de entradas

1 2 3 4 5
Volver arriba