Entrevistamos a Marta Villar, directora da revista Croa Magazine.

O día 16 de xaneiro  tivo lugar na escola a charla da ex-alumna e actual directora da revista cultural CROA Magazine, Marta Villar, falándonos do seu emocionante  proxecto. Deixámosvos unha entrevista onde se fai un percorrido por algunhas das cuestións das que nos falou, así como tamén un pequeno extracto da charla.

Como xurdiu a idea de embarcarse nun proxecto como este?

Ao rematar os meus estudos na escola tiña unhas ganas inmensas de demostrar as miñas capacidades no mundo “real” ou laboral. Tras moitos currículos sen resposta e unhas poucas respostas pero nada optimistas, non podía ficar de brazos cruzados esperado que aparecese a “miña” oferta de traballo.

Así que me puxen as pilas e grazas á inspiradora colaboración que fixen nunha revista valenciana xurdiu a idea de embarcarme nun proxecto co que estar activa, desenvolver a miña experiencia pola miña conta e dar a mesma posibilidade a todos os creativos que estaban na miña situación.

 

Con qué problemas te atopaches ao comezo?
A verdade e que podo dar grazas das poucas problemáticas coas que me atopei, o cal non implica que o camiño andado fose fácil.

Un dos maiores inconvenientes foi a desconfianza dalgúns dos máis achegados cara este proxecto, cousa que non é de todo negativa xa que che abre os ollos, pero si que pode resultar un tanto desmotivadora.

 

Como ves a situación dos novos creadores?
Dende que comecei con CROA, fai aproximadamente once meses, notei un notable incremento de proxectos creativos.

En época de crise dise que se agudíza o inxenio, e se nota que estamos vivindo unha das maiores.

De tódolos xeitos boto en falta máis iniciativa por parte da maioría dos creadores, segue presente o medo a arriscarse, non pola cantidade de colaboración en CROA, que por esa parte estamos moi contentos, senón pola iniciativa de comezar e loitar por un proxecto.

E centrándonos na nosa terra, agora máis que nunca, son consciente da cantidade de materia prima creativa que temos e que se está xestando nas novas xeracións.

 

A revista foi pensada dende o principio para ser publicada directamente na rede? Seguirá sendo así?
Fun consciente dende o primeiro momento das dificultades da edición en papel, polo tanto esta sempre foi unha posibilidade de futuro, en ningún momento unha necesidade.

CROA busca dar plataforma á creatividade e aos creativos e a rede nos facilita levalo a cabo sen ter que depender dos cartos, o cal é verdadeiramente positivo xa que nos aporta unha liberdade de contidos moi ampla.

O soño do proxecto sería chegar a editarse en papel e é unha idea á que sempre lle estamos dando voltas. Algo estamos preparando para intentar dar o gran paso, pero coma sempre, con calma e boa letra.

 

Como se pode ser un croador/a?
Se tes unha obra creativa e ganas de mostrala ao mundo tes un oco en CROA; sempre primamos a creatividade coa que se aplica a idea, non ten por que ser a aplicación da técnica o primordial.

 

Cales son as disciplinas creativas que teñen cabida na revista?
Croa busca reflectir o panorama creativo actual, centrándose nas novas propostas. Con creativo me refiro a unha ampla gama de disciplinas cuns límites moi difusos. Estas disciplinas abarcan dende as artes escénicas ata a literatura, pasando por deseño, artes plásticas, música… -e moitas máis que se poden ver nos nosos números, e seguro que outras tantas que aínda quedan por vir-

 

Hai algún criterio esencial para seleccionar os contidos?
Gústanos  publicar os proxectos máis innovadores ou inusuais, pero teñen cabida todos aqueles cuxa proposta sexa creativa e ben realizada.

CROA defende a pluralidade, polo tanto, procuramos non repetir disciplinas similares nun mesmo mes, para así facer cada número máis dinámico e que máis lectores poidan atopar o seu recuncho.

 

Croa medrou pouco a pouco dende o seu número 0, cal é o seguinte paso?
O seguinte paso sempre, día a día, é manter o que conseguimos ata agora.

Máis adiante, mirando ao futuro, pode aparecer unha imprenta e moito moito papel, esperamos que sexa máis que un espexismo.

Tamén lle estamos collendo o gusto á organización de eventos, dinamizar cara a cara con croadores e lectores, compartir ideas e proxectos. Esperamos poder seguir organizando este tipo de eventos.

 

Algún consello para quen estea pensando en emprender un novo proxecto?
O meu consello é que se tiren á piscina. Se algo aprendín con todo isto é que so cada un pode por límites nos seus proxectos.

Invito a todos os novos emprendedores a levar eses proxectos a cabo, se saen mal aprenderán, e se sae ben as posibilidades son infinitas…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Volver arriba