Morriña : proxecto persoal de fotografía por Claudia Silva González

http://www.flickr.com/photos/adblog/7285071550/in/photostream

Morriña é o proxecto persoal de Claudia Silva González, que mostra unha serie de 16 imaxes a xeito de postal intentando reconstruír, a través destas, os diferentes recordos e vivencias na súa vila natal: Cambados.
No texto que acompaña ás postais, explícanse as diferentes influencias á hora de levar a cabo este proxecto (exposto ata o día 1 de Xuño en Aula D) e incídese nunha nostalxia que, segundo a autora, foi e será a que lle recorde a persoa que é hoxe en día.

Hoxe en día vivimos nun mundo repleto de imaxes, a cultura visual chéganos de todas as partes: a televisión, a prensa, internet. Son só uns cantos medios que nos axudan día a día a aumentar a nosa enciclopedia persoal de imaxes. Por iso mesmo, eu non podo dicir que tivese unha influencia marcada á hora de facer este proxecto, porque estou sometida constantemente a un mundo enteiro de coñecemento e cultura visual. Non sei se escollín inconscientemente algunha instantánea dun lado ou doutro, porque buscalo sería imposible, e porque habería moitas imaxes que poderían seres exactamente iguais ás miñas. Non o sei. Se tivese que escoller algún tipo de influencia que tivese marcado o meu traballo, escollería o estilo de crear das novas redes sociais.

Estes últimos anos estiven, por primeira vez, exposta a estas páxinas, nas que te incitan a centrarte en ti mesmo, chegando a crerte demasiado importante, moitas veces intentando inculcarche un chisco de narcisismo que non che  convén, a pesares de que poida gustarche sentirte tan relevante e coñecido. Entre estas redes hei de destacar a rede social Flickr. Subín a miña primeira foto hai máis dun ano, e o seu funcionamento enganchoume, podías acceder a un número ilimitado de imaxes de xente de todo o mundo, e podías esperar con anhelo que algunha das túas creacións fose vista e admirada por moita xente. E cando o conseguías, crecía en ti unha gran fonte de inspiración e, por que, non apoio moral, que te incitaba a seguir e seguir subindo imaxes, alimentando unha e outra vez, esa ansiedade que che pedía que te expresases e que te coñecesen.

Dentro desta rede social, hai unha serie de estilos moi variados, pero a maioría teñen en común a mesma cousa, son formas de expresarse de cada persoa, fotografías, debuxos, colaxes, esculturas, traballos que conteñen en si unha gran parte do seu creador, que un sen o outro quizais non se completen, e que teñen a súa pequena historia detrás. En xeral, son imaxes que fan que te mergulles nun mundo marabilloso, cheas de emocións, de detallismo e de intereses que, a non seres que vivas unha vida de rosa, non adoitas ter, ou máis ben fixarse neles. Ou polo menos, é así como o vexo eu.
O meu proxecto ten moito en relación con todo isto, son imaxes dunha vida cotiá, enxalzadas, repetidas, capturadas para un espectador que non deixo de ser eu mesma, e aínda que invite a outra xente a velo, estas imaxes son tan persoais, que non deixan de seres parte de min mesma, son un eu de hai anos que xacía esquecido e quere que o recorde. Outras influencias, somerxidas en algunha que outra revista de fotografía contemporánea, poderían seres Rinko Kawauchi, fotógrafa xaponesa, que se centra en sacar os mellores recordos da súa infancia, da súa vida cotiá e da súa familia. Ten imaxes que se centran moito nos detalles, en miradas, en engurras, no tacto, en pequenos anaquiños de realidade cotiá, como unha Amélie xaponesa que goza de cada pequeno detalle que lle outorga o mundo. Outra fotógrafa coa que me podería relacionar é Martina Hoogland. Esta artista sueca ten un traballo titulado Demasiado cerca, do que sen dúbida podo sacar algunhas características comúns co meu, pero non na estética, senón no significado que ten detrás da imaxe. Ela fala de volver á casa despois de bastante tempo, de reencontrarse coa súa familia e o seu lugar de orixe, fala de nostalxia, nostalxia cara aos obxectos, a paisaxe e as persoas.
Isto é unha vista moi por enriba do seu traballo, pero é que son estas as pricinpales características que podo relacionar co meu proxecto. En definitiva, o meu proxecto, ao que chamei Morriña, fala de nostalxia, pero non unha nostalxia calquera, fala de morriña, de morriña galega, que é esa forte vinculación que sentimos os galegos cara á nosa propia terra, ás nosas raíces e á nosa xente, e que cando nos falta,  sentímosnos sen forzas, tristes e incompletos.
Este sentimento nace no meu ao estar practicamente todo o meu tempo encerrada no meu cuarto, diante da pantalla do ordenador, sen poder ir ao meu lugar de orixe, Cambados e Xil, onde está centrado o proxecto, nin poder ver a miña familia tanto como me gustaría. No meu proxecto, diríxome a min mesma, recordándome continuamente, a través de postais, de onde veño, e que non podo esquecelo, porque se o fago, unha gran parte de min caese e desaparece. Nas postais represento escenas e lugares que me marcan e que influíron na persoa que son agora, e que veñen dende uns cantos anos atrás, pero que seguen aí, esperándome para cando volva, e que desexo volver ver e vivir.

Para ver tódalas imaxes deste proxecto, véxase:
http://www.flickr.com/photos/adblog/sets/72157629930310044/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Volver arriba