O deseño é unha das aportacións máis significativas ás novas esixencias do mundo contemporáneo. Aula D leva máis de 25 anos formando ao alumnado dende a multidisciplinariedade que hoxe presenta a profesión.

Os estudos de deseño supoñen unha aprendizaxe especializada na que se potencia a interacción entre arte, ciencia e tecnoloxía, sendo a capacitación profesional un obxectivo importante, aínda que non o único pois, nese caso, o risco de instrumentalizar o coñecemento é elevado.

Así, preséntasenos como necesidade fundamental incorporar as reivindicacións da arte e entender a tecnoloxía como unha acción de transformación da realidade non neutral, é dicir, valorando as implicacións éticas da labor do deseñador.

O noso percorrido como centro de estudos profesionais permítenos ao día de hoxe identificar e coñecer as necesidades formativas no ámbito do deseño así como dispor dos recursos máis axeitados para ofrecer aos nosos alumnos e alumnas unha boa formación que os capacite para acceder inmediatamente ao mercado laboral.

Que vantaxes ofrece estudar un ciclo formativo de grao superior?

Capacitación profesional

As Ensinanzas Artísticas teñen equivalencia coa Formación Profesional na súa titulación -técnico superior-, coa vantaxe de que estes estudos céntranse non só nos aspectos técnicos senón tamén no coñecemento amplo de materias transversais que capacitan para desenvolver tarefas de xestión e dirección de proxectos profesionais en ámbitos moi diversos.

Alta cualificación

A titulación obtida tras rematar estes estudos permite acceder a un posto de traballo cualificado. A situación actual fai que as empresas requiran profesionais cun perfil de coñecementos e destrezas amplo ao mesmo tempo que un bo nivel de especialización en determinadas áreas, algo que na escola temos moi en conta á hora de formar ao noso alumnado.

Estudos de curta duración

A duración destes estudos facilita a posibilidade de incorporarse ao mercado laboral cun título profesional en só dous cursos. De igual xeito é unha opción especialmente interesante de cara a acceder a estudos universitarios de grao ou a titulacións superiores.

Múltiples saidas laborais

Tanto o ciclo superior de Gráfica Publicitaria como o de Proxectos de Dirección de Obras e Decoración permiten optar a diversos ámbitos laborais e non unicamente a un posto específico. No primeiro caso, sobre todo, departamentos de deseño gráfico, axencias de publicidade e comunicación, estudos de fotografía, imprentas, etc; no segundo, estudos de arquitectura, estudos de interiorismo e rehabilitación de vivenda, departamentos de deseño de produtos, estudos de delineación, etc.

CICLOS FORMATIVOS

COMUNICACIÓN GRÁFICA E AUDIOVISUAL

Ciclo formativo de grao superior. Gráfica Publicitaria.

Este ciclo formativo proporciona unha formación artística e técnica de calidade garantindo a cualificación dos futuros profesionais das artes plásticas e deseño. O currículo inclúe, ademais dos coñecementos académicos propios destes estudos, outros aspectos inherentes á formación profesional que permiten a incorporación da mocidade ó ambito laboral, cun grao de formación que lle permita adaptarse e actualizarse nas distintas especialidades da súa disciplina.

DESEÑO DE INTERIORES

Ciclo formativo de grao superior. Proxectos e Dirección de Obras de Decoración.

O ciclo formativo de Proxectos e Dirección de Obras de Decoración ofrece unha formación profesional que abrangue dende a utilización (tanto analóxica como dixital) do debuxo e a composición volumétrica como medios de expresión, pasando pola comprensión da historia e a linguaxe propias do deseño, ata conquerir unha capacitación técnica que permite abordar calquera proxecto de interiorismo e dirixir a materialización da súa correspondente obra.

TITULACIÓNS PROPIAS

CURSOS

CURSO DE INTRODUCIÓN AO DESEÑO

Orientado fundamentalmente a persoas interesadas no deseño ou que teñan pensado iniciar estudos afíns (deseño gráfico, deseño de interiores, belas artes, arquitectura, delineación, etc), este curso non precisa de coñecementos previos por parte do alumnado xa que a súa metodoloxía permite desenvolver os contidos dun xeito progresivo ata acadar un nivel óptimo na aprendizaxe.

CURSO DE ILUSTRACIÓN E BANDA DESEÑADA

Este curso ten como finalidade introducir ao alumnado nos coñecementos teórico-prácticos da ilustración e da banda deseñada.
Estas disciplinas están presentes ao día de hoxe en multitude de medios comerciais, tanto impresos como en soporte dixital tales como libros, publicacións periódicas, catálogos, cd´s, etc

CURSO DE DESEÑO WEB

Un curso orientado a introducirse no deseño de páxinas web no que se imparten coñecementos básicos sobre esta disciplina e que permitirán ao alumnado achegarse a este ámbito e prepararse de cara a unha futura labor profesional.

DESEÑO É ONDE A CIENCIA E A ARTE CHEGAN A UN PUNTO DE EQUILIBRIO

Robin Mathew